Gobernos da UCD: Suárez e Calvo Sotelo (1977-1982)

Historia3,76 KB

Os gobernos da UCD (1977-1982)

As vitorias de Unión de Centro Democrático nas eleccións a Cortes permitiron gobernar ao partido liderado por Adolfo Suárez. Trala súa dimisión en 1981, sucedeulle Leopoldo Calvo Sotelo ata a derrota electoral da UCD.

Os gobernos de Adolfo Suárez (1977-1981)

Desenvolveu un programa de goberno centrado na democratización da vida española, iniciándose a posta en marcha dos principios constitucionais. Dentro das medidas destacan:

  • A reforma do exército e da lexislación militar para adaptalo ao novo marco constitucional. Neste labor Suárez contou con Manuel Gutiérrez.
  • Os Pactos da Moncloa, acordo asinado en outubro de 1977 polos axentes sociais no que se comprometían a establecer unha estratexia común para lograr a estabilidade do país mediante a consolidación da democracia. A aplicación dos acordos obtivo resultados positivos.
  • Os inicios da reforma fiscal, coa introdución dun novo sistema impositivo sobre o IRPF.
  • A proxección exterior, reiniciando as xestións para lograr a entrada de España na CEE.

O proceso autonómico

En aplicación da Constitución de 1978, comezou a poñerse en práctica o novo modelo de Estado. O obxectivo era facer compatible o concepto e funcións do Estado unitario coa autonomía política das comunidades en que se organiza a nación española, patria común e indivisible de todos os españois. A Constitución estableceu dúas vías para acceder á autonomía: a do artigo 151 e a do artigo 143. Para harmonizar o proceso autonómico establecéronse uns puntos comúns e básicos.

Cataluña foi a primeira en retomar a cuestión autonómica. No País Vasco tamén foi temperán o proceso autonómico e contou coa presenza de líderes históricos retornados do exilio. En Andalucía, os andaluces esixiron o acceso á autonomía polo artigo 151; o seu Estatuto foi aprobado en 1981.

Dificultades e fin da UCD

As dificultades da UCD estaban na súa orixe, unha coalición de partidos que non foi capaz de superar as diferenzas entre as correntes ideolóxicas nin os personalismos. Inicialmente, a figura de Adolfo Suárez logrou o liderado da coalición, pero as tensións internas acabaron por atomizala ata facela desaparecer poucos anos máis tarde. Ante o recoñecemento das propias limitacións e o temor de que a disputa do seu liderado tivese consecuencias negativas para a democracia, Suárez presentou a súa dimisión o 29 de xaneiro de 1981. Foi substituído por Leopoldo Calvo Sotelo.

O 23F e o goberno de Calvo Sotelo

Por non contar a UCD con maioría absoluta, non foi elixido na primeira votación. Cando estaba celebrándose a segunda volta, tivo lugar o máis grave problema da nova democracia española: o intento de golpe de Estado do 23F. O tenente coronel da Garda Civil Antonio Tejero asaltou o Congreso pistola en man, entrou no hemiciclo das Cortes e mantivo como reféns ao Goberno e aos parlamentarios. O capitán xeneral Milláns del Bosch sacou os tanques ás rúas en Valencia e declarou o estado de excepción. Tras a mensaxe do rei, a situación quedou controlada.

Os tanques en Valencia regresaron aos cuarteis e Tejero rendeuse. Aínda coa resaca dos tensos acontecementos vividos, os deputados retomaban a votación de investidura de Calvo Sotelo o día 25, iniciando así unha breve etapa de goberno de pouco máis dun ano, pero na que se levaron a cabo importantes accións iniciadas no goberno de Suárez, como a intensa actividade lexislativa e a entrada de España na OTAN.

Ante o incremento da oposición, as dificultades internas da UCD e a falta de solucións axeitadas para os problemas económicos, Calvo Sotelo disolveu as Cortes e convocou as eleccións para outubro de 1982.

Descargar

PDF Word HTML