Glosario de termos xeográficos e ambientais: definicións e conceptos clave

Xeografía3,58 KB

Avesedo

Ladeira dunha montaña orientada ó norte, polo que recibe menor insolación, sendo máis fresca e húmida que a ladeira orientada ao sur (solleiro). Normalmente adícase á explotación forestal.

Cunca Hidrográfica ou Fluvial

Territorio no que as súas augas verten a un río principal e os seus afluentes. As cuncas están separadas entre si por divisorias de augas, que coinciden coas zonas de cambio de pendente do terreo. As principais de España son a do Duero, Texo, Guadiana, Guadalquivir, Ebro, Turia, Xúquer e Segura.

Efecto Invernadoiro

Proceso provocado pola emisión á atmosfera de gases como o dióxido de carbono ou metano que deixa pasar a radiación solar; pero unha vez chega á Terra, retéñena e impiden que escape ao exterior, actuando como un invernadoiro. Produce un aumento da temperatura da Terra e cambios climáticos (sequías, inundacións). Está potenciado pola queima de combustibles fósiles, emisións das industrias e automóbiles, incendios e deforestación.

Estiaxe

Nivel máis baixo que as augas dun río teñen estacionalmente. Segundo o réxime do río, pode coincidir ou diferir co mínimo de precipitacións. A este nivel dáselle o valor 0 e a partir del mídese a altura das augas. En España son acusadas as estiaxes dos ríos mediterráneos da metade meridional da península.

Landa

Formación vexetal de baixo porte na que predomina a familia das ericáceas e leguminosas, que se localiza sobre os terreos incultos, ácidos e con clima húmido. Débese á degradación das formacións vexetais arbóreas debido á acción antrópica.

Laurisilva

Bosque característico de Canarias, propio do piso termocanario, situado entre 800 e 1200 m. Adáptase ás néboas causadas polo alisio que dan maior refrescamento e menor insolación. É un bosque denso, con máis de vinte especies, entre as que destaca o loureiro.

Maquis

Matogueira de arbustos e matas aromáticas propia do clima mediterráneo, moi rica en especies que medra en solos silíceos. É o resultado da degradación dos antigos aciñais pola tala abusiva.

Marisma

Chaira de fango atípica das baías baixas, que se colmata cos aportes dos ríos que a atravesan e do mar, que a cobre na pleamar e a deixa ao descuberto na baixamar. En España, as máis coñecidas son as do Guadalquivir.

Paisaxe Natural

En sentido estrito é aquela non afectada pola acción do home. En sentido máis amplo pódese considerar aquel espazo onde a acción do home, se ben se deixa notar, non anula a maioría das características naturais dese medio (como é o caso de moitos espazos agrarios), fronte a outros espazos moi transformados polo home e mesmo artificiais (paisaxes urbanas ou industriais).

Vexetación Antrópica

Formación vexetal caracterizada pola substitución das especies autóctonas por outras de elevado rendemento económico, que ás veces modifican negativamente o solo, arden mellor e afectan a flora e fauna da zona. Un exemplo sería a introdución masiva de piñeiro e eucalipto no litoral galego.

Vexetación Clímax

Etapa final nunha sucesión dun ecosistema, na que a vexetación chega a un estado de equilibrio co medio. En ausencia de intervención externa, todo ecosistema evoluciona sempre ata acadar a súa etapa de clímax, na que permanece estable. Exemplo: en Galicia a carballeira.

Descargar

PDF Word HTML