Glosario de Termos de Xeografía: Ecoturismo, Demografía e Economía

Xeografía5,42 KB

Glosario de Termos de Xeografía

Ecoturismo: É unha nova póla do Turismo alternativo, diferente ao Turismo tradicional. Neste enfoque, priorízase a sustentabilidade, a preservación e a apreciación do medio natural e cultural. Esta alternativa turística pretende manter o benestar das poboacións locais, minimizando os impactos negativos para o ambiente e a comunidade local. Ex: visita ao Timanfaya, parque de Doñana (rutas de sendeirismo e ciclismo, observación de aves, visita a centros de interpretación, tours en 4x4...).

Turismofobia: Fenómeno caracterizado polo rexeitamento das poboacións locais ao turismo masivo, que xera grandes incomodidades e dificultades aos residentes. Cando nun destino turístico se produce masificación e se desborda a capacidade de carga sobre os recursos medioambientais e mesmo a vivenda, as protestas arrecian e o malestar está próximo á fobia.

Balanza comercial: A balanza comercial é o rexistro das exportacións e importacións dun país calquera durante un período e é un dos compoñentes da balanza de pagamentos (exportacións e importacións de bens, servizos, capital e transferencias financeiras). O saldo da balanza comercial é a diferencia entre exportacións e importacións, é dicir, entre o valor dos bens que un país vende ao exterior e o dos que merca a outros países. É positiva se o valor das exportacións é maior que o das importacións.

Economía somerxida: Conxunto de actividades económicas que se desenvolven de maneira subrepticia e escapan ao control fiscal (non pagan aos organismos públicos os correspondentes impostos ou outros, como as cotas á Seguridade Social) e ás leis e normativas laborais.

Fenda dixital: Desigualdade existente entre as persoas respecto ás posibilidades de acceso, calidade e formación no uso das TIC (tecnoloxías da información e comunicación). Esta desigualdade dase entre grupos de desigual condición socioeconómica e entre habitantes das zonas rurais e urbanas, dado que a cobertura de internet é mellor en áreas densamente poboadas.

Poboación activa: Sector da poboación que se atopa en idade apta para traballar (16 a 65 anos). Se está empregada denomínase poboación activa ocupada; se está en paro, poboación activa desocupada ou desempregada.

Esperanza de vida: Cálculo do número de anos que unha persoa pode esperar vivir ben no momento de nacer ou cando acada unha determinada idade, sempre que os niveis de mortalidade permanezan constantes. Obtense a partir das táboas de mortalidade. A esperanza de vida é maior nas mulleres que nos homes, situándose en 2024 en 85,1 anos para as mulleres e 79,7 para os homes (en España, INE).

Réxime demográfico: Cada unha das etapas ou fases na evolución do movemento natural da poboación dun país, nas que a natalidade, a mortalidade e o crecemento vexetativo ou natural presentan características homoxéneas. Distínguense:

  1. O réxime demográfico antigo, con altas taxas de natalidade e mortalidade e crecemento vexetativo escaso.
  2. A transición demográfica cunha natalidade que descende de forma suave e discontinua e unha mortalidade xeral que descende de forma acusada e crecemento natural alto.
  3. O réxime demográfico moderno, con taxas de natalidade e mortalidade moi baixas e crecemento vexetativo reducido e con certas oscilacións.

Crecemento vexetativo: É a diferenza entre o número de nacementos e o número de defuncións dunha poboación nun determinado período de tempo. Calcúlase restando á taxa de natalidade a taxa de mortalidade. A taxa de crecemento vexetativo considérase alta se supera o 4%, moderada se se atopa entre o 1% e o 2%, e baixa se é inferior ao 1%.

Saldo migratorio: Balance que existe entre a inmigración e a emigración nun determinado lugar; cando o saldo migratorio é positivo (hai máis inmigrantes ca emigrantes), a poboación aumenta; cando o saldo migratorio é negativo (hai máis emigrantes ca inmigrantes), a poboación diminúe.

Padrón municipal de habitantes: Rexistro que leva a cabo cada concello sobre a poboación que vive no seu municipio. Contén tamén información sobre as características da poboación, aínda que algo menos detallada que a do censo. A súa principal vantaxe é a de tratarse dun rexistro vivo, dinámico, xa que cando unha persoa se traslada a vivir a outro municipio ten a obriga legal de empadroarse nel. De aí que sexa denominado padrón continuo de poboación. Isto quere dicir que en calquera momento se pode coñecer a cantidade de poboación dun municipio, así como as súas principais características, polo que é un dato de vital importancia para os concellos, xa que reciben máis ou menos financiamento en función da poboación que teñan.

Inverno demográfico: Situación que se produce actualmente en países que están no réxime demográfico moderno, con taxas de fecundidade que están por debaixo da taxa de reposición (2,1 fillos por muller), o que provoca un avellentamento da poboación e a necesidade de favorecer a inmigración de cara a cubrir os postos de traballo necesarios para o funcionamento da economía. Esta problemática é significativa nos países máis avanzados da UE e Xapón, así como tamén en Rusia.

Descargar

PDF Word HTML