Glosario de Termos de Xeografía, Economía e Demografía
Acuicultura
Conxunto de actividades referidas á cría e ao coidado de animais e plantas acuáticas (peixes, moluscos, crustáceos, algas) cun fin produtivo e de recolección controlada. Representa unha alternativa ás actividades de pesca tradicionais.
Agricultura ecolóxica
Sistema agrícola no que se tenta acadar unha produción sustentable sen o emprego de substancias químicas de síntese (abonos, insecticidas, funxicidas...) nin organismos modificados xeneticamente, para conseguir produtos sans sen danar o medio ambiente.
Área metropolitana
Espazo urbano formado por un núcleo principal e os municipios limítrofes, cos que se crean estreitas interrelacións económicas e sociais.
Área suburbana ou periurbana
Espazo con predominio de características rurais situado na periferia dunha cidade e baixo a súa área de influencia.
Avaliación de impacto ambiental
Procedemento técnico-administrativo que serve para identificar, prever e interpretar os impactos ambientais que un proxecto producirá na súa contorna en caso de ser executado. O seu fin é que a administración competente poida aceptar, rexeitar ou modificar o devandito proxecto.
Balanza de pagamentos
Diferenza entre o valor dos bens exportados e importados por un país nun determinado período de tempo.
Censo de Poboación
Recompilación de datos sobre o número de individuos que compoñen unha poboación, xunto coas súas principais características: demográficas, socioculturais, socioeconómicas, etc. Elabórase cos datos obtidos de xeito individualizado de todos os habitantes. Os primeiros censos realizáronse no século XVIII, sendo o primeiro en España no ano 1857. Actualmente realízanse nos anos acabados en 1.
Desagrarización
Proceso de redución do emprego no sector agrario, ante o maior dinamismo doutras actividades económicas e a progresiva mecanización das tarefas do campo.
Difusión industrial
Fenómeno que consiste na expansión da industria desde unha área industrial central cara á periferia, seguindo os eixos que marcan as principais vías de comunicación.
Ecosistema
Conxunto de seres interdependentes que habitan nun lugar ou territorio definido, cunha fauna e unha flora determinadas, e as relacións que se establecen entre eles e co seu medio.
Esperanza de vida
Cálculo do número medio de anos que un individuo pode esperar vivir no momento de nacer ou ao alcanzar unha determinada idade, sempre que os niveis de mortalidade se manteñan constantes.
Explotación intensiva
Explotación agraria na que se obteñen elevados rendementos por unidade de superficie grazas a un forte investimento de capital e traballo. A utilización de fertilizantes, maquinaria e métodos modernos permite obter máis dunha colleita anual ou un crecemento acelerado da gandaría.
Padrón Municipal
Relación dos habitantes dun concello, onde figuran como información básica o nome, os apelidos e o domicilio destes. A información é menos detallada que no censo, pero trátase dun rexistro dinámico e realízase un reconto xeral cada 5 anos.
Relación das entidades de poboación que conforman un determinado territorio. Inclúe datos como: poboación, vivendas, altitude, etc.
Poboación Activa
Sector da poboación en idade de traballar. Se está empregada, chámase poboación activa ocupada; se non o está (en situación de paro), chámase poboación activa desocupada.
Política Agrícola Común (PAC)
Conxunto de políticas e normas para o apoio e a regulación da agricultura nos estados membros da Unión Europea. Os seus obxectivos principais son:
- Incrementar a produtividade agraria.
- Garantir un nivel de vida equitativo á poboación agraria.
- Asegurar a subministración de produtos ao consumidor a prezos razoables.
- Protexer o medio ambiente.
- Promover o desenvolvemento das rexións máis atrasadas.
Réxime Demográfico
Cada unha das fases na evolución do movemento natural da poboación dun país, nas que a natalidade, a mortalidade e o crecemento natural presentan características homoxéneas. Distínguense varios réximes:
- Réxime demográfico antigo: Caracterízase por altas taxas de natalidade e de mortalidade e, en consecuencia, un crecemento natural baixo.
- Réxime de transición demográfica: Caracterízase por unha elevada natalidade, un brusco descenso da mortalidade e un elevado crecemento natural.
- Réxime demográfico moderno: Caracterízase por baixas taxas de natalidade e de mortalidade e, polo tanto, un crecemento natural escaso ou mesmo negativo.
Saldo Migratorio
Diferenza entre o número de inmigrantes e o de emigrantes nun lugar e período de tempo concretos.
Taxa de Fecundidade
Relación entre o número de nados vivos nun ano e o número de mulleres en idade de procrear (habitualmente, entre 15 e 45 anos).
Taxas aeroportuarias
Importe que se lles cobra aos pasaxeiros polo uso das instalacións e servizos aeroportuarios.
Xentrificación
Concepto urbanístico referido a un proceso de transformación física, económica, social e cultural dun barrio ou área, antigamente degradado ou de clase baixa, que acaba sendo de clase media-alta.
Xeopolítica
Ciencia que estuda a relación entre os fenómenos políticos e os factores xeográficos que os condicionan.