Glosario de termos históricos en galego
Glosario de termos históricos
Aula Regia
Aula Regia: órgano asesor real na etapa visigoda, formado por altos funcionarios, aristócratas e cregos. Entre as súas funcións estaban a elección do rei e a colaboración co rei na preparación de leis e, en xeral, o asesoramento militar, político e xurídico.
Bárbaros
Bárbaros: estranxeiros segundo os romanos. É un termo pexorativo empregado na época romana para referirse ás persoas alleas á civilización que non falaban grego ou latín.
Castro
Castro: poboado fortificado prerromano, constituído por murallas, foxos e terrapléns que acollen no seu interior construcións domésticas realizadas en pedra, nas que domina a planta redondeada. Están situados no noroeste peninsular. Desenvolveuse na Idade do Ferro a partir dun substrato indíxena de finais do Bronce, sobre o que actuaron influencias culturais indoeuropeas de raíz céltica.
Conventos
Conventos: unidade administrativa do período romano inferior á provincia. Tiña funcións de carácter xudicial, de recadación de impostos e de recrutamento de tropas, e englobaba varias civitas.
Economía predadora
Economía predadora: modelo económico propio do Paleolítico no que os seres humanos non producían os seus alimentos; a súa supervivencia baseábase na caza, na pesca e na recolección de froitos. Neste período practicábase o nomadismo e presentaban unha organización social colectiva, sen unha clara división do traballo nin xerarquización social.
Guerras cántabras
Guerras cántabras: derradeira fase da conquista romana da península Ibérica na época de Augusto, pola que foron sometidos os pobos situados no norte (ástures e cántabros).
Megalitismo
Megalitismo: período da prehistoria caracterizado pola construción de monumentos e arquitecturas a base de grandes pedras sen labrar, chamados megalitos. Estes monumentos inclúen dolmens, menhires ou pedrafitas.
Carta de poboamento
Carta de poboamento: denominación do documento polo cal os reis cristiáns, señores laicos ou eclesiásticos da península Ibérica na Idade Media outorgaban unha serie de privilexios a grupos poboacionais, co fin de promover a repoboación de certas zonas de interese económico ou estratéxico durante a Reconquista.
Fonte: glosario histórico — termos e definicións en galego.