Glosario de Termos da Historia de España do Século XX
Sección Femenina
Organización fundada en 1934 como rama da Falange. Foi dirixida por Pilar Primo de Rivera e durante o franquismo monopolizou a educación das mulleres para formalas como amas de casa, cumprir as ordes do seu marido e educar aos seus fillos segundo as normas do réxime. Para adoutrinalas creouse o Servicio Social, que impoñía a prestación obrigatoria de traballos sociais das mulleres durante 6 meses.
Nacionalcatolicismo
Ideoloxía que defende que se deben cumprir as directrices da igrexa católica na vida política, cultural e social. Foi unha das bases ideolóxicas do réxime franquista que contou co apoio e a aprobación da igrexa. A xerarquía eclesiástica aceptou a autoridade de Franco e a cambio deulle o control sobre a moral, as costumes e a educación.
Sindicato Vertical
Nome co que era coñecida a Organización Sindical Española durante o franquismo. Foi creado tras a promulgación da Lei de Unidade Sindical de 1940 que ilegalizaba todos os sindicatos de clase existentes e integraba de forma forzosa todos os traballadores e empresarios nun mesmo sindicato baixo a supervisión do Ministerio de Traballo.
Plan de Estabilización
Conxunto de medidas e reformas económicas aprobadas en 1959 propostas por ministros tecnócratas que tiñan como obxectivo abandonar o modelo autárquico intervencionista e liberalizar a economía española, conectando así co capitalismo occidental. Sentou as bases para iniciar o forte crecemento e desenvolvemento dos anos 60.
Contibernio de Múnic
Nome pexorativo co que o réxime franquista tratou de ridiculizar o congreso do movemento europeo celebrado en Múnic en 1962. O máximo impulsor da reunión foi Salvador de Madariaga, moi ben relacionado cos dirixentes do movemento europeo, e a ela asistiron moitos opositores do franquismo, tanto de España como do exterior (exilio), unidos por un obxectivo común: instaurar en España un sistema político democrático.
Plataxunta
Nome popular da Coordinación Democrática, organismo creado en 1976 por partidos e organizacións antifranquistas para restablecer a democracia en España. Naceu da fusión da Xunta Democrática e da Converxencia Democrática.
Lei para a Reforma Política
Lei aprobada polas Cortes franquistas tras a súa aceptación en referendo, foi promulgada en 1977 como Lei Fundamental. Foi o instrumento legal que permitiu o paso da ditadura franquista a un sistema constitucional democrático dende a legalidade vixente mantendo a paz social. Establecía que a democracia era a expresión da soberanía popular, que as Cortes serían elixidas por sufraxio universal e regulaba a futura convocatoria das primeiras eleccións xerais desde febreiro de 1936.
UCD (Unión de Centro Democrático)
Coalición de partidos fundada e liderada por Adolfo Suárez en 1977 e que xuntaba as forzas de centro-dereita. Tivo un papel fundamental durante a transición, gañando as eleccións ás Cortes Constituíntes de 1977 e as xerais de 1979. Estivo no goberno ata 1982 con Adolfo Suárez e despois da súa dimisión con Leopoldo Calvo Sotelo. Derrota electoral en 1982.
Pactos da Moncloa
Acordos aos que chegaron sindicatos, partidos e organizacións empresariais en 1977 na casa de Adolfo Suárez. Os asinantes comprometíanse a traballar a favor da estabilidade do país mediante a consolidación da democracia, a redución da conflitividade social e a adopción de medidas para superar a crise económica que se viña arrastrando desde 1973.