Glosario de Termos Económicos e Demográficos Clave
Glosario de Termos Económicos e Demográficos
ARANCEL: Tarifa oficial establecida como dereito de alfándega que grava as mercadorías importadas. É un sistema empregado co fin de protexer a produción nacional fronte á competencia da produción exterior. Hoxe existen acordos entre distintos países consistentes na redución ou supresión dos aranceis.
AUTARQUÍA: Política dos países que tenden voluntariamente á autosuficiencia económica por medio dos recursos nacionais, potenciando a propia produción e restrinxindo as importacións ao máximo. Adoptada polo goberno español desde a postguerra ata 1959.
BALANZA COMERCIAL: Diferenza entre exportacións e importacións. En España foi tradicionalmente deficitaria, déficit que se compensa na balanza de pagamentos coa venda de servizos (turismo) e cos investimentos de capital estranxeiro en España.
BALANZA DE PAGAMENTOS: Documento que rexistra as operacións económicas dun país co resto do mundo durante un período de tempo, anotando os ingresos e gastos de cada operación. Da diferenza xorde un saldo positivo ou negativo.
DÉFICIT COMERCIAL: Situación económica desfavorable, inversa á de superávit, consistente en que o volume de gastos sobrepasa o de ingresos.
DEMANDA: Intención dunha colectividade de mercar ou solicitar un servizo ou ben en cantidades determinadas segundo o seu prezo e rendas.
ECONOMÍA SUMERXIDA: Actividade económica que se mantén á marxe das normas legalmente establecidas para regular a produción ou comercialización de bens.
EXPORTACIÓN: Conxunto de mercadorías que envía un país a outro no marco dunha transacción comercial. Estimula a produción xa que se expande o mercado, polo que é unha fonte de divisas importante.
GRAN EMPRESA: Aquelas que teñen máis de 500 traballadores.
IMPORTACIÓN: Entrada de mercadorías nun país procedentes do exterior. Xunto coas exportacións forman a balanza comercial dun país, onde se manifesta o grao de dependencia que este presenta con respecto ao exterior.
INFLACIÓN: Importante alteración no nivel xeral de prezos a causa dunha distorsión entre o diñeiro circulante e a circulación xeral de bens. A oferta non pode satisfacer a demanda global cos prezos existentes. Normalmente maniféstase cunha alza de prezos que reflicte unha depreciación da moeda.
MONOPOLIO: Situación de competencia imperfecta no que unha unidade económica de gran escala controla un aspecto do mercado fixando unilateralmente os prezos. Este dominio do mercado tende a elevar os prezos e a restrinxir a produción, obtendo cuantiosos beneficios. Isto conduce a que moitos Estados intenten controlalo por medio de leis antimonopolistas.
OFERTA: Cantidade dun ben ou servizo que se ofrecerá á venda cun prezo estipulado.
PEQUENA E MEDIANA EMPRESA (PEME): Organización que aglutina a empresas de menos de 500 traballadores. Segundo a normativa comunitaria son as empresas que empreguen a menos de 250 traballadores, cun volume de negocios que non exceda de 40 millóns de € e que o 25% ou máis do seu capital non pertenza a unha empresa que non cumpra estes requisitos.
PRODUCTO INTERIOR BRUTO (PIB): Valor total de todos os bens e servizos finais xerados nun país. É igual á suma dos valores monetarios do consumo, a inversión bruta, as compras de bens e servizos polo Estado e as exportacións netas dun país durante un ano determinado.
TRANSNACIONALIZACIÓN: Proceso polo que as empresas dun determinado Estado superan as fronteiras estendendo as súas actividades a outros países. As empresas multinacionais responden a esta realidade do sistema capitalista.
TURISMO: Conxunto de relacións e fenómenos relacionados coas viaxes de finalidade recreativa.
BABY BOOM: Forte aumento dos efectivos demográficos que se produce despois dunha crise. Utilizouse por primeira vez para facer referencia ao forte aumento da poboación que se produciu en EE.UU. despois da SGM. O aumento das taxas de crecemento poblacional debeuse ao aumento da fecundidade, efecto que se dá na maioría dos países que participaron na guerra. Descendeu a idade media das mulleres ao matrimonio, baixou a idade media na que as mulleres teñen o primeiro fillo e aumentou o número de fillos por muller.
CENSO DE POBOACIÓN: Recompilación de datos (demográficos, socioeconómicos, socioculturais, etc.) relativos ao número de individuos que compoñen unha determinada poboación e as súas principais características nun determinado momento (momento censual). En España elabóranse cada 10 anos.
CRECEMENTO REAL: Variación do efectivo dunha poboación durante un período de tempo resultante de sumar ao crecemento natural ou vexetativo o saldo migratorio.
CRECEMENTO VEXETATIVO: Variación do volume dunha poboación durante un período de tempo debido á diferenza entre o número de nacementos e o de defuncións nun ano. En taxas sería a diferenza entre a taxa bruta de natalidade e a taxa bruta de mortalidade. O balance pode ser positivo ou negativo.
DEMOGRAFÍA: Ciencia que ten como obxectivo o estudo das poboacións humanas, tratando aspectos como a súa dimensión, estrutura, evolución e caracteres xerais, considerándoos sobre todo dende o punto de vista cuantitativo. A demografía proponse describir e analizar o volume e composición da poboación segundo diferentes variables (idade, sexo, estado civil, etc.) ademáis dos distintos fenómenos que inflúen nela.
DENSIDADE DE POBOACIÓN: Relación establecida entre o número de individuos que compoñen unha poboación e a superficie que ocupa. Exprésase en hab/km2.
DESPOBOACIÓN: Redución dos efectivos demográficos que poboan un lugar debido a un balance negativo dos movementos naturais. No pasado viña motivada pola sobremortalidade, e na actualidade ven dada principalmente por unha forte redución da fecundidade.
DESPOBOAMENTO: Diminución da poboación asentada nun deteminado lugar como consecuencia dun saldo migratorio negativo. Ocasiona o abandono progresivo das terras e das entidades de poboación da área afectada. É un fenómeno frecuente en áreas desfavorecidas do medio rural.
EMIGRACIÓN: Saída ou marcha de persoas do seu lugar de orixe para establecerse noutro lugar, temporal ou definitivamente. Pódese distinguir entre unha emigración interior ou exterior dependendo de se se realiza ou non dentro dos límites dun país.
ESPERNZA DE VIDA: Cálculo do número de anos que un individuo pode esperar vivir ben no momento de nacer ou cando acada unha determinada idade sempre que os niveis de mortalidade permanezan constantes. Duración media da vida dos individuos dun grupo, resultante da suma dos anos vividos por cada individuo dividido polo número de individuos.
ESTRUTURA DEMOGRÁFICA: Composición dunha poboación en función dunha serie de variables: sexo, idade, actividade profesional, estado civil, nivel de instrución, etc.
ÉXODO RURAL: Fenómeno migratorio que implica o cambio de residencia da poboación do medio rural cara aos núcleos urbanos. A distancia de atracción das cidades varía fundamentalmente en función do tamaño desta, polo xeral canto máis grande sexa maior atracción terá.
ÍNDICE DE ENVELLECEMENTO: Obtense multiplicando o número de persoas de 65 e máis anos por 100 e dividíndoo pola poboación total. Cando o índice supera o 12% considérase que a poboación está envellecida.
INMIGRACÓN: Chegada de persoas dende outro lugar para instalarse, temporal ou definitivamente.
MALTHUSIANISMO: Doutrina demográfica que parte dos escritos de Malthus. Sostén que a poboación medra nunha proporción superior á dos recursos alimenticios, polo cal chegará un momento en que non sexa posible alimentar a toda a poboación. Propón como medios para evitar esta situación pospoñer a idade para ter fillos e a anticoncepción. Considera que a pobreza sería a consecuencia final de continuar coa mesma dinámica demográfica.
MIGRACIÓN: Desprazamento de poboación do seu lugar de residencia habitual a outro distinto.
MIGRACIÓN ESTACIONAL: Movemento migratorio de duración limitada. Soen ter unha motivación económica e moitas veces asócianse cos calendarios agrícolas, que son os que determinan as datas dos desprazamentos. Os traballos que realizan os emigrantes relaciónanse moitas veces coa recollida das colleitas.
MOVEMENTOS PENDULARES: Movementos migratorios habituais realizados por persoas que se desprazan dende o seu lugar de residencia ao seu punto de traballo. De frecuencia xeralmente diaria, efectúase principalmente dende a periferia das cidades cara ao centro urbano. Son consecuencia da progresiva especialización funcional das cidades e supoñen cada vez máis un importante problema socioeconómico debido ás conxestións que se ocasionan a certas horas na circulación, e á perda de tempo e diñeiro para os traballadores.
NOMENCLÁTOR: Relación das entidades de poboación que conforman un determinado territorio. O nomenclátor español inclúe datos de poboación, vivendas, distancias quilométricas, altitude, etc., dos distintos municipios.
NUPCIALIDADE: Cuantificación dos matrimonios contraídos nunha poboación en un territorio determinado. É un fenómeno que incide de maneira relevante no comportamento demográfico dunha poboación. A taxa de nupcialidade obtense a partir da división do número de matrimonios celebrados nun ano entre a poboación media do territorio considerado, multiplicando o resultado por mil. As sociedades con alto nivel de vida tenden a retrasar a idade de contraer matrimonio.
PADRÓN MUNICIPAL: Relación dos habitantes dun concello onde figura como información básica o nome, apelidos e dirección destes. Vai acompañada dunha serie de datos particulares de cada habitante (sexo, data e lugar de nacemento, nivel de instrución, estado civil, profesión, parentesco ou relación co cabeza de familia e tempo de residencia no concello). É un documento público sometido a permanente actualización que en España se elabora cada cinco anos.
PIRÁMIDE DE POBOACIÓN: Representación gráfica da estrutura por sexo e idade dunha poboación. Nun gráfico aparecen representados o número de varóns á esquerda e o de femias á dereita, namentres que a distribución por idades se fai nun eixe vertical que aparece dividido a partir de cero en períodos de 5 anos. A representación resultante pode adoptar diferentes formas dependendo do grao de avellentamento da poboación.
POBOACIÓN ACTIVA: Aquela que se atopa en idade apta para traballar. Se está empregada denomínase poboación activa ocupada; se está en paro, poboación activa desocupada.
POBOACIÓN INACTIVA: Aquela que non ten traballo remunerado. Dentro da poboación non activa inclúense xubilados e pensionistas, escolares ou estudiantes, retirados, rendistas, persoas adicadas a labores do fogar, incapacitados, menores non escolarizados, opositores, etc.
POLÍTICA DEMOGRÁFICA: Conxunto de medidas adoptadas polo goberno dun país para intentar controlar as necesidades específicas presentes: o aumento, estabilización ou diminución dos efectivos demográficos. Pódese falar de políticas natalistas ou antimalthusianas e políticas antinatalistas ou malthusianas.
REGULARIZACIÓN DE INMIGRANTES: Proceso levado a cabo polo Estado para dotar de entidade legal a inmigrantes ilegais ou indocumentados, para que poidan obter unha serie de dereitos durante a súa estancia no noso país e poidan exercer un traballo con garantías.
RÉXIME DEMOGRÁFICO: Etapa na evolución dunha poboación na que a natalidade, a mortalidade e o crecemento natural presentan unhas características homoxéneas ou propias. Distínguense o réxime demográfico antigo e o réxime demográfico moderno, e, entre eles, a transición demográfica.
REXUVENECEMENTO: Aumento da proporción de persoas novas (0-19 anos) nunha poboación. Pode estar causado por un aumento da natalidade, por unha inmigración importante ou por ambos feitos á vez. Proceso contrario ao avellentamento.
SALDO MIGRATORIO: Diferenza entre o número de emigrantes e inmigrantes dun territorio. Pode ser positivo ou negativo; se é positivo indica inmigración, e se é negativo emigración.
TAXA DE FECUNDIDADE: Número de nacidos vivos dividido polo número de mulleres en idade de procrear (15-49 anos) por mil.
TA DE MASCULINIDADE: Número de homes por cada 100 mulleres. Obtense multiplicando o número total de homes por 100 e dividíndoo polo total de mulleres.
TAXA DE MORTALIDADE INFANTIL: Número de nenos falecidos antes de cumpriren o ano de vida por cada mil en relación co total de nacidos vivos nese ano.
TAXA DE MORTALIDADE: Número de defuncións por cada mil habitantes nun ano en relación coa poboación total.
TAXA DE NATALIDADE: Número de nacidos vivos por cada mil habitantes nun ano. Resultante de multiplicar o número de nacementos nun ano por mil e dividilo pola poboación total.
TAXA DE ACTIVIDADE: É a porcentaxe de activos nunha poboación. Pode calcularse de tres formas: relacionando os activos coa poboación total, coa poboación en idade activa (16 ou máis anos) ou coa poboación en idade de traballar (16-64 anos).
TAXA DE PARO: Porcentaxe de poboación activa desocupada respecto ao total da poboación activa.
TRANSICIÓN DEMOGRÁFICA: Paso dun réxime demográfico antigo, caracterizado por altas taxas de natalidade e mortalidade, ao réxime demográfico moderno, caracterizado por un descenso delas.