Glosario de termos de economía e sustentabilidade
Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable (ODS)
Son un chamado universal da ONU á adopción de medidas para poñer fin á pobreza, protexer o planeta e garantir que todas as persoas gocen de paz e prosperidade. Estes 17 Obxectivos baséanse nos logros dos Obxectivos de Desenvolvemento do Milenio, aínda que inclúen novas esferas como o cambio climático, a desigualdade económica, a innovación, o consumo sustentable e a paz e a xustiza, entre outras prioridades.
Economía somerxida
Conxunto de actividades económicas que se desenvolven clandestinamente e escapan ao control fiscal e ás leis e normativas laborais. Permite a subsistencia marxinal dun sector máis ou menos amplo da poboación que non recibe as contrapartidas sociais legalmente recoñecidas.
Taxas aeroportuarias
Son o prezo que en moitos países pagan os viaxeiros, tanto en voos nacionais como internacionais, polo uso dos aeroportos.
Ecoturismo
Nova tendencia do Turismo Alternativo, diferente ao Turismo tradicional. Neste enfoque para as actividades turísticas priviléxiase a sustentabilidade, a preservación, a apreciación do medio natural e cultural; nesta alternativa turística preténdese manter o benestar das poboacións locais, minimizando os impactos negativos para o ambiente e a comunidade local, e mantendo sempre un respecto ético polas leis laborais e os dereitos humanos dos traballadores implicados.
Balanza comercial
É unha conta que rexistra todas as transaccións monetarias entre un país e o resto do mundo. Estas transaccións poden incluír pagamentos polas exportacións e importacións do Estado en cuestión de bens, servizos, capital financeiro e transferencias financeiras. As fontes de fondos para un país rexístranse como datos positivos, mentres as importacións ou os investimentos en países estranxeiros se rexistran como datos negativos. Das subdivisións nas que se estrutura a balanza de pagamentos dun país, a balanza comercial é das máis coñecidas, na que entran o valor das exportacións e das importacións.