Glosario de Termos Demográficos: Definicións Clave
Pirámide de poboación:
Representación gráfica da estrutura por sexo e idade dunha poboación. Trátase dun gráfico no que aparecen representados o número de varóns á esquerda e o de mulleres á dereita, mentres que a distribución por idades se realiza nun eixo vertical que aparece dividido en períodos de cinco anos. Unha pirámide de base ancha e cabeza estreita representa unha poboación nova; a medida que a base da pirámide se estreita e aumenta a largura do resto, a poboación terá un maior grao de envellecemento.
Poboación activa:
Poboación que traballa ou busca traballo (16 a 65 anos). Se está empregada denomínase poboación activa ocupada; se está en paro, poboación activa desocupada ou desempregada.
Poboación inactiva:
Aquela que non está en idade apta para traballar ou en disposición de facelo.
Réxime demográfico:
Período correspondente ao modelo de transición demográfica cunhas determinadas características en canto ao comportamento da natalidade e da mortalidade, coa conseguinte repercusión no crecemento natural ou vexetativo.
Saldo migratorio:
Resultado de poñer en relación inmigración e emigración nun determinado territorio. O saldo migratorio é positivo cando o número de inmigrantes é superior ao de emigrantes, e negativo cando a emigración supera á inmigración.
Taxa de actividade:
É a proporción de persoas que forman parte da poboación activa. Exprésase en porcentaxes e pode calcularse para unha idade e sexo determinados.
Taxa de fecundidade:
A taxa de fecundidade xeral pon en relación o número de nacidos vivos co número de mulleres en idade de procrear, isto é, entre os 15 e os 49 anos.
Taxa de masculinidade:
Relación existente entre a poboación masculina e o resto da poboación. (Nº de homes / Nº de mulleres) * 100. É maior nos grupos de idade máis xoves.
Taxa de mortalidade:
A taxa de mortalidade xeral relaciona o número de defuncións producidas ao longo dun período de tempo, habitualmente un ano, coa poboación total existente a mediados dese mesmo ano, expresándose o resultado frecuentemente en tantos por mil. TM = (Nº mortos nun ano / Poboación total) * 1000.
Taxa de mortalidade infantil:
Denominación que recibe o índice que se rexistra nunha determinada poboación entre os nacidos vivos menores dun ano. É un bo indicador das condicións. TMI = (Nº nenos mortos no primeiro ano de vida / Nº de nacidos ao longo dese ano) * 1000.
Taxa de natalidade:
É o cociente entre o número de nacidos nun ano determinado e o número total de habitantes estimados a mediados dese mesmo ano, dándose a taxa obtida en tantos por mil. TN = (Nº nacidos nun ano / Poboación total) * 1000.
Taxa de paro:
Proporción de persoas desempregadas con respecto á poboación activa total. Ten unha distribución desigual por sexos e CCAA, sendo maior entre as mulleres e nas comunidades máis meridionais.
Transición demográfica:
Modelo que describe os cambios demográficos acaecidos ao longo do tempo nos países desenvolvidos: transición desde unha situación de altas taxas de natalidade e mortalidade a outra caracterizada por un descenso delas. España experimentou esta transición con certo atraso.