Glosario de Termos Agrarios e Pesqueiros: Definicións Claras

Xeografía2,37 KB

Glosario de Termos Agrarios e Pesqueiros

Acuicultura

É o conxunto de actividades que, mediante algún tipo de intervención no ciclo biolóxico ou no medio no que habitan os peixes, permiten controlar a súa reprodución e/ou crecemento. Limítase espacialmente á beiramar ou ás augas continentais.

Agricultura Ecolóxica

Sistema para cultivar unha explotación agrícola, baseada na utilización óptima dos recursos naturais e sen empregar produtos químicos de síntese ou organismos xeneticamente modificados (OXM's) – nin de abono nin para combater as pragas-. Logra deste xeito obter alimentos ecolóxicos á vez que se conserva a fertilidade da terra e se respecta o medio ambiente.

Denominación de Orixe

Certificación de calidade que se outorga a produtos dun determinado territorio do que toman o seu nome. Asegura certas características comúns que todos deben cumprir. Resulta cada vez máis frecuente en produtos agrarios.

Desagrarización

Concepto que fai referencia á perda de poboación dedicada á actividade agraria, así como á perda de importancia económica da actividade agrícola nun territorio, e o conseguinte debilitamento das institucións sociais vencelladas a esta actividade que organizan diferentes aspectos da vida social.

Explotación Intensiva

É aquela explotación agraria ou gandeira que elimina os barbeitos e recorre á produción continua do terreo, estimulada polo emprego de fertilizantes e o regadío artificial. Este tipo de agricultura intensiva obtén unha forte produtividade, sobre terreos moitas veces de extensión reducida.

Política Pesqueira Comunitaria (PPC)

Política europea que vai encamiñada a unha explotación sustentable do medio mariño e dos seus recursos, a fomentar o cultivo de especies polo sistema da acuicultura, así como a negociar acordos con países non comunitarios para poder pescar nos seus caladoiros.

Silvicultura

Actividade que trata do cultivo de montes e bosques. A práctica máis habitual da silvicultura é o aproveitamento forestal de espazos destinados á produción de madeira, leña ou resinas, pero que tamén poden ter un efecto positivo na protección de cuncas hidrográficas, a conservación de hábitats naturais –susceptibles de integrarse en parques naturais protexidos- e o desenvolvemento de espazos recreativos.

Descargar

PDF Word HTML