Glándulas endócrinas: funcións e hormonas
Hipófise
A hipófise está formada por dous lóbulos:
- Lóbulo anterior (adenohipófise):
- Hormona do crecemento (GH): Estimula o crecemento do organismo.
- Tirotropina (TSH): Estimula a produción de hormonas da tiroide.
- Gonadotropas: A hormona foliculoestimulante (FSH) e a luteinizante (LH) actúan sobre os ovarios e os testículos.
- Adrenocorticotropa (ACTH): Estimula a secreción das glándulas suprarrenais.
- Prolactina: Estimula o crecemento das mamas e a produción de leite.
- Lóbulo posterior (neurohipófise):
- Hormona antidiurética (ADH): Actúa sobre os riles reducindo a cantidade de auga eliminada na urina.
- Oxitocina: Activa as contraccións no parto e estimula a expulsión de leite das mamas despois do nacemento.
Tiroide
A tiroide ten dous lóbulos e está situada no pescozo, diante da traquea.
- T3 (triiodotironina) e T4 (tiroxina): Aumentan as actividades metabólicas celulares de case todos os tecidos do organismo, o consumo de osíxeno, a síntese de proteínas e o uso de glicosa, e regulan o crecemento.
- Calcitonina: Favorece o depósito de calcio nos ósos, diminuíndo a súa concentración no sangue.
Paratiroide
As paratiroides son catro glándulas pequenas situadas na parte posterior da tiroide. Producen a hormona paratiroidea, que eleva a cantidade de calcio no sangue ao estimular a súa liberación dos ósos.
Glándulas suprarrenais
As glándulas suprarrenais son dúas e están preto dos riles. En cada unha hai dúas zonas:
- Codia: Segrega cortisol, que promove a síntese de glicosa e a degradación das graxas e proteínas. Aumenta en situacións de estrés, como unha infección ou traumatismo.
- Médula: Segrega adrenalina, que reforza a acción do sistema nervioso autónomo para unha resposta inmediata ao estrés. Produce un aumento do ritmo cardíaco e respiratorio e favorece a actividade muscular intensa.
Páncreas
O páncreas ten forma alongada e plana, e está situado detrás do estómago. Produce dúas hormonas que controlan a cantidade de glicosa no sangue:
- Insulina: Reduce a cantidade de glicosa no sangue ao facilitar a súa entrada nas células.
- Glicagón: Aumenta a cantidade de glicosa no sangue ao favorecer a transformación do glicóxeno das células en glicosa, que pasa ao sangue.
Ovarios
Os ovarios son as glándulas femininas que segregan estróxenos, como o estradiol (que desenvolve os caracteres sexuais secundarios femininos), e proxesterona (que prepara o útero para a xestación).
Testículos
Os testículos son as glándulas masculinas que segregan testosterona. Interveñen na produción de espermatozoides e desenvolven os caracteres sexuais masculinos.