O Galego no Século XX: Historia, Lingüística e Normalización

Lingua e literatura2,55 KB

O Galego no Primeiro Terzo do Século XX: Contexto e Lingüística

No século XX foise consolidando o proceso de normalización do galego, promovido desde certos sectores da sociedade con sensibilidade galeguista. Nestes anos, o noso idioma accedeu a novos ámbitos de uso pero, ao mesmo tempo, houbo un proceso de desgaleguización social.

Etapas da Evolución do Galego no Século XX

Podemos distinguir tres etapas na evolución do galego ao longo do século XX: a etapa de preguerra (1900-1936), a de posguerra (1936-1975) e a dos anos finais do século XX (1975-2000).

A Etapa de Preguerra (1900-1936)

Durante os anos da preguerra o galego era a lingua de comunicación oral da grande maioría da poboación. A pesar disto, perde falantes e medra tamén a difusión de estereotipos negativos. En ámbitos de uso formais, como na Igrexa e no ensino, o castelán era de uso exclusivo.

Institucións Clave na Dignificación do Galego

O labor dignificador do noso idioma foi debido ás seguintes institucións:

  • A creación das Irmandades da Fala, que foron aparecendo nas principais vilas e cidades do país, foi un acontecemento decisivo, porque tiñan como obxectivo a defensa, difusión e emprego do galego.
  • A Xeración Nós consegue consolidar a nosa lingua en todos os xéneros literarios.
  • O Seminario de Estudos Galegos puxo de manifesto a preocupación dun sector do mundo universitario por Galicia, que pasou a ser obxecto de investigación como fenómeno histórico, social, cultural e político.

Avances e Desafíos na Normalización Lingüística

Entre outros feitos deste período podemos destacar a creación da Real Academia Galega (1906), así como a aparición de publicacións, a creación de editoriais e a elaboración de importantes estudos, dicionarios e gramáticas. Pero, a pesar destes esforzos, seguía sen haber un modelo de escrita culta consolidado e non había unha gramática normativa nin tampouco un dicionario que resolvese de xeito definitivo as dúbidas ortográficas, morfolóxicas e léxicas.

O Galego Enxebrista ou Diferencialista

É o período do galego enxebrista ou diferencialista, que vai dende finais do século XIX ata 1936. Inténtase buscar un idioma supradialectal, sen castelanismos e que toma o portugués como modelo literario. Por iso aparecen, con relativa frecuencia, as seguintes características:

  • Lusismos
  • Arcaísmos
  • Hiperenxebrismos

Descargar

PDF Word HTML