O galego no século XX: contexto histórico, situación sociolingüística e características lingüísticas
O galego no primeiro terzo do século XX
Contexto histórico e situación sociolingüística
A comezos do século XX, Galicia seguía sendo eminentemente rural, de xeito que a poboación urbana non acadaba nin sequera o 10%. En consecuencia atopamos unha sociedade formada na súa maioría por labregos e mariñeiros, cunha estrutura socioeconómica continuísta dos séculos anteriores. Non obstante, neste primeiro terzo do século comezan algúns cambios: os labregos protagonizan un poderoso movemento social (agrarísmo), a fidalguía entra en decadencia e a burguesía, que fala castelán representa o novo mundo urbano en vías de crecemento.
O proceso de substitución do galego polo castelán vai vir da man da industrialización e urbanización. En tres décadas, de 1990 a 1930, a poboación urbana pasa dun 9% ao 19%.
Demograficamente, o galego era indiscutiblemente a lingua maioritaria, pero desde o punto de vista do prestixio social e económico, o castelán consolida a súa posición.
Co obxectivo de paliar esta situación, xorden organismos e agrupacións que resultan de gran relevancia cultural e política para Galicia e a lingua galega: fundación da Real Academia (1906), creación das Irmandades da Fala (1916), Constitución do Seminario de Estudos Galegos (1923). Son dignas de nomear tamén, a aparición de numerosas publicacións xornalísticas (revista Nós, A Nosa Terra), editoriais (Nós, Lar…) e estudos lingüísticos (Dicionario da RAG).
A Ditadura de Primo de Rivera (1923-1930) supuxo un obstáculo de recuperación e de normalización do galego. Mentres que na II República (abril de 1931) e fundación do Partido Galeguista (decembro 1931), o cal participa na aprobación do primeiro Estatuto de Autonomía de Galicia (xuño 1936), supoñen un novo período de esperanza para o noso idioma.
Características lingüísticas fundamentais
A aplicación do galego a novos ámbitos de cultivo e usos, tanto escritos como orais facía necesario dotalo dun nivel de elaboración do que carecera até o momento. Os escritores intentaron buscar un galego máis puro, afastado do castelán. Pero este afán purista levounos a rexeitar en moitos casos formas galegas lexítimas consideradas erróneas e contaminadas polo castelán, substituíndoas por arcaísmos, vulgarismos e hiperenxebrismo. A pesar de todo, os castelanismos non desaparecen.
Por último, destacar o esforzo das Irmandades da Fala e do Seminario de Estudos Galegos na elaboración das primeiras normas unificadas para o idioma así como de diversos estudos e materiais lingüísticos.