O galego: lingua en vías de normalización

Lingua e literatura3,39 KB

O galego, lingua en vías de normalización

O galego é, desde finais da Idade Media, unha lingua minorizada porque está nunha situación de desequilibrio con respecto ao castelán, lingua dominante que goza de maior prestixio social e desenvolve as funcións elevadas. Para superar esta situación e acadar un uso normal da lingua, cómpre levar a cabo o proceso contrario, coñecido como normalización lingüística, que ten o obxectivo de converter a lingua nun medio normal de comunicación entre os cidadáns e recuperar o seu uso en todos os ámbitos por parte de todos os estamentos. Despois dos Séculos Escuros, o galego comezou timidamente o proceso de normalización no século XIX, ao recuperarse para os usos literarios.

Este proceso experimentou un importante avance na preguerra, pero durante a ditadura sufriu de novo un enorme retroceso. Houbo que agardar á etapa democrática para ver avances, xa que o novo marco legal o proclama como lingua cooficial e permite avances normalizadores en ámbitos como a administración, o ensino, os medios de comunicación públicos, a creación da radio e da TVG...

Para acadar o proceso de normalización cómpre a intervención de diferentes sectores como as institucións públicas (Xunta de Galicia, concellos...), os colectivos non institucionais (asociacións culturais...) e a acción individual.

Actualmente hai factores favorables, hai menos prexuízos lingüísticos, mellor valoración social do galego, maior presenza en diferentes sectores. Pero segue habendo factores negativos que inciden negativamente na normalización: a pervivencia de prexuízos, actuacións políticas non favorables e de asociacións minoritarias contrarias ao galego, a perda continuada de falantes e ámbitos (sanidade, xustiza, publicidade, ensino, medios de comunicación privados...).

Nunca se dispuxo de tantas armas para a normalización pero, asemade, nunca o perigo de substitución foi tan grande debido á perda continuada de falantes, pola ruptura da transmisión xeracional. O proceso de normalización está nun momento decisivo, e o éxito do mesmo depende do interese e eficacia das institucións e da toma de conciencia da cidadanía.

Notas:

  • Ás veces, as linguas minorizadas cualifícanse erroneamente como linguas minoritarias (dependen do número de falantes) equiparando ambos os termos. Non sempre é así: hai linguas que teñen unha porcentaxe de falantes superior á lingua dominante e están minorizadas. Pola contra, existen linguas minoritarias que teñen un uso normalizado, e unha lingua normalizada e oficial nun estado, pode estar minorizada noutro.

  • A Lei de Normalización Lingüística recolle os dereitos lingüísticos en Galicia, o uso do galego no ensino e medios de comunicación, a cooficialidade do galego na Administración Autonómica e municipal e a responsabilidade dos poderes públicos no fomento e protección do galego.

  • A Secretaría Xeral de Política Lingüística é a encargada da recuperación e promoción do galego na Administración e na sociedade en xeral, (pero é evidente que non conseguiu frear a substitución do galego polo castelán).

  • Organizacións non institucionais que desenvolven un importante labor normalizador: Pais e Nais polo Ensino en Galego, Mocidade pola Normalización Lingüística...

Descargar

PDF Word HTML