O galego a finais do século XX: historia e situación
O marco legal do galego na democracia
A partir do ano 1978, coa aprobación da Constitución española, o galego acada a cooficialidade co castelán e a protección por parte do Estado. En 1981 apróbase o Estatuto de Autonomía de Galicia, o cal establece que o galego é a lingua propia de Galicia e recolle o deber de cumprimento da cooficialidade, da promoción do galego e a non discriminación por cuestións lingüísticas.
A Lei de normalización lingüística de 1983
No ano 1983, o Parlamento de Galicia desenvolve a lei que regula o proceso de normalización lingüística do noso idioma: a Lei de normalización lingüística. Esta lei establece:
- O dereito dos cidadáns ao uso do galego coa administración pública.
- O nacemento de medios de comunicación públicos en galego.
- A oficialidade do galego nas administracións autonómica, local e entidades públicas.
- A regulación da introdución do galego no ensino.
O galego no ensino e nos medios
O sistema educativo foi desde sempre un instrumento imprescindible tanto nos procesos de substitución como nos de recuperación lingüística. En 1983 o galego pasou a ser unha materia que se estudaba, pero non conseguiu ser o vehículo de comunicación dentro das aulas. Esta situación non se superaría ata 1988, cando se establece o emprego do galego como lingua vehicular nalgunhas materias.
Presenza nos medios de comunicación e tecnoloxía
Polo que se refire ao galego nos medios de comunicación, na actualidade vivimos unha situación precaria en canto á oferta de medios escritos (desapareceron cabeceiras como Galicia Hoxe, Xornal de Galicia ou o semanario A Nosa Terra).
Nos medios audiovisuais, en 1986 comezaron a funcionar as cadeas públicas da Radio Televisión de Galicia (CRTVG), ferramenta importantísima no proceso de normalización lingüística. Mais nas emisoras de televisión e radio privadas o galego é case inexistente.
Nas novas tecnoloxías, a visibilidade da nosa lingua é maior na Internet que noutros ámbitos: desde webs institucionais e redes de blogues ata versións en galego de redes sociais como Facebook ou Twitter.
Situación sociolingüística e retos de futuro
Non obstante, esta nova situación para o galego non consegue frear a perda constante de falantes entre as novas xeracións. O galego segue a ser a lingua maioritaria en Galicia entre a poboación máis vella, pero non entre os falantes máis novos, o que supón o principal reto para a súa supervivencia futura.