As Funcións Sociais da Lingua e a Súa Vitalidade
As Funcións Sociais da Lingua
A lingua é o principal medio de comunicación humana. Toda lingua, no seo da sociedade que a fala, manifesta esta funcionalidade xeral en diferentes niveis e ámbitos sociais.
A Funcionalidade Lingüística
Algúns sociolingüistas desenvolveron unha clasificación de funcións matriciais das linguas, de máis básica ata máis ampla.
Función de Identidade
A lingua serve para pensar; é a canle de articulación do pensamento e, ademais, dálle forma a este. É o que ocorre nun determinado grupo social. Neste sentido, demostrouse que as diferentes comunidades lingüísticas poden percibir, clasificar ou segmentar a realidade de xeitos moi diferentes.
Ao compartiren os membros dunha sociedade unha mesma lingua, esta convértese en algo máis íntimo e persoal ca un instrumento de comunicación: é o elemento fundamental de configuración da identidade persoal e colectiva.
Función Familiar
É a primeira función que vai máis alá do marco do individuo. A lingua desempéñase no seo dunha familia. Fundaméntase neste ámbito o núcleo de relación interpersoal máis elemental: o que serve de base para a conduta social e lingüística dos individuos máis novos.
É a función que materializa a transmisión xeracional da lingua. É un dos factores fundamentais no mantemento ou abandono da lingua: o nivel mínimo que debe alcanzar.
Función Laboral
Exércese cando é empregada para relacións lingüísticas no marco concreto do traballo.
Existe unha gran variedade de ámbitos e contextos profesionais: máis tradicionais (agricultura ou pesca) e máis modernos (informática), máis informais e máis formais…
Función Local
Maniféstase nos contactos entre persoas do mesmo contorno cotián. Está estreitamente vinculada a factores como o hábitat (rural ou urbano), a clase social (humilde ou alta) ou a idade (mocidade ou anciáns).
Función Institucional
Vehículo normal de comunicación entre o individuo e a entidade á que pertence: organizacións non oficiais (partidos políticos, sindicatos, medios de comunicación) e ámbitos oficiais (administración municipal, de xustiza, sistema educativo).
Función Cultural
Dáse cando os usuarios expresan a través da lingua conceptos da cultura do seu tempo histórico. Maniféstase en ámbitos moi diversos: desde o campo das ciencias ao das artes, a cultura popular ou a culta, usos orais e escritos…
Función Internacional
Cando o idioma é utilizado polos seus falantes orixinarios e tamén por outros grupos lingüísticos que o aprenderon como segunda lingua para comunicarse cos falantes iniciais ou con outros que tamén a aprenderon secundariamente.
A lingua internacional actual por excelencia é o inglés, usado polos orixinarios e por outros que a aprenden para comunicarse con estes ou entre si.
A Saúde e Funcionalidade das Linguas
Hai unha vinculación directa entre o número de funcións que desenvolve a lingua e a súa saúde: uso real, prestixio social e perspectivas de futuro.
O inglés goza do maior prestixio no mundo, xa que acapara todas as funcións. Ata as funcións institucional e cultural chegan outros idiomas como o alemán ou o castelán (falados en distintos estados) ou o xaponés e o polaco (nun só), que gozan de boa saúde.
Menor nivel acadan as que chegan á función local ou laboral, porque as superiores ocúpanas linguas dominantes: o quechua en América, desprazado polo castelán, ou o sardo en Sardeña, desprazado polo italiano.
Máis abaixo quedan as linguas seriamente ameazadas, restrinxidas á función familiar: o aragonés ou o lapón. E por último as que teñen só función de identidade: o aleutiano, por exemplo.
Linguas Minorizadas e Minoritarias: Conceptos Clave
A pluralidade lingüística do mundo está xeralmente marcada por unha situación de desigualdade entre unha lingua dominante (tendente a ser allea a esa sociedade, maioritaria, con recoñecemento oficial e que exerce presión sobre outras linguas non normalizadas coas que convive) e unha ou varias dominadas (sen recoñecemento oficial nin prestixio social, normalmente autóctona).
Esta desigualdade non é só cuantitativa (a lingua dominante acostuma reunir a maioría lingüística fronte á dominada), senón cualitativa:
- No recoñecemento xurídico: ao non ser recoñecidas as linguas dominadas como oficiais ou por estar prohibido o seu uso en certos ámbitos.
- No status: a dominante ten un status superior porque é de prestixio e se promociona dentro da comunidade que fala a lingua dominada.
- No emprego: a dominada restrínxese á función familiar ou de identidade fronte á laboral ou institucional da dominante.
Por tanto:
- A lingua minorizada ten unha dimensión cualitativa e funcional ao se referir a unha situación de anormalidade, de subordinación respecto doutra lingua socialmente máis valorada.
- A lingua minoritaria ten unha dimensión cuantitativa, fai referencia ao número de falantes dunha variedade lingüística dun territorio; unha lingua con poucos falantes en comparación con outras.
Desta forma, é posible atopar linguas minoritarias e minorizadas por teren restrinxidos os seus usos; e tamén linguas minoritarias normalizadas, constituíntes do instrumento habitual de interacción entre os falantes. É posible tamén que se dea un bilingüismo, pero adoita ocorrer a nivel individual. A nivel social, case nunca se dan casos.
Tamén hai linguas minorizadas a pesar de ser as maioritarias no territorio, por exemplo o galego.
A asimetría entre a lingua dominante e a minorizada leva a situacións de conflito lingüístico.