Funcións da Lingua, Bilingüismo e Conflito Lingüístico en Galicia

Lingua e literatura3,45 KB

As Funcións da Lingua

A comunicación entre os seres humanos é a función principal de calquera lingua, pero tamén posúen outras funcións, entre as cales destacamos:

  • Función de identidade: Vehículo de articulación interior do pensamento propio.
  • Función familiar: A que se fala na casa. O marco familiar convértese nun dos bastións fundamentais para o mantemento ou as transformacións dos fenómenos lingüísticos.
  • Función laboral: A que se emprega no traballo. Na Galicia actual, as relacións lingüísticas no mundo laboral repártense entre o galego e o castelán.
  • Función local: É a que se emprega con normalidade nos contactos diarios entre persoas do mesmo contorno.
  • Función institucional: A que os cidadáns empregan para comunicarse coas institucións políticas e administrativas. A definición do galego como lingua propia de Galicia e a cooficialidade co castelán favoreceu o seu uso no ámbito institucional. Con todo, a administración periférica do Estado segue a desenvolver a súa actividade case exclusivamente en castelán. O funcionamento administrativo das institucións autonómicas realízase normalmente en galego. O Parlamento galego desenvolvía a súa actividade a nivel oral e escrito en galego, pero recentes cambios fixeron o seu uso optativo.
  • Función cultural: Unha comunidade sérvese da súa lingua para expresar e recibir os conceptos e as mensaxes das ciencias e da arte do seu tempo.
  • Función internacional: A empregada non só por persoas que a aprenderon como lingua inicial, senón tamén por aquelas que a aprenderon voluntariamente como segunda lingua.

A vida e o prestixio dunha lingua están relacionados coa función que esta desempeña. A funcionalidade pode cambiar a estima social, e a estima social tamén pode influír na funcionalidade da lingua.

Conflito Lingüístico e Bilingüismo

Todas as linguas manteñen entre si unha certa tensión ou pugna. Entre comunidades de linguas e culturas diferentes produciuse sempre un certo grao de mestura, pero isto normalmente é de maneira desequilibrada; a comunidade ou pobo máis poderoso acabou impoñéndose sobre o máis débil.

Xorde así o conflito lingüístico, que pode traer canda si unha situación de bilingüismo. O bilingüismo é a capacidade lingüística e comunicativa que posúe un individuo en dúas linguas á vez. Distínguese entre:

  • Bilingües activos: Aqueles que comprenden e falan por igual dúas linguas.
  • Bilingües pasivos: Persoas capaces de comprender un idioma, mais non de expresarse nel.

A situación do bilingüismo galego é bastante paradóxica: o galego gañou importantes posicións, pero hai un evidente retroceso na súa utilización nos ámbitos informais.

Diglosia e Substitución Lingüística

Falamos de diglosia cando se dá un reparto ríxido e estable de funcións entre a lingua dominante (usos cultos e formais) e a lingua recesiva (uso coloquial e informal). Cando estamos nunha situación de conflito lingüístico, isto pode evolucionar ben cara á normalización da lingua minoritaria ou dominada, ou ben cara á substitución da lingua dominada pola dominante. No proceso de substitución lingüística é fundamental a estratificación social dos falantes.

Descargar

PDF Word HTML