Franquismo: Autarquía e Desenvolvemento (1939-1975)
O Franquismo: Dúas Etapas Económicas (1939-1975)
Co final da Guerra Civil, o bando sublevado impuxo o seu modelo político e ideolóxico, caracterizado como unha ditadura militar baseada no nacionalismo español. Este modelo incorporaba ideas dos falanxistas, do conservadurismo antiparlamentario e do catolicismo tradicional, negando o reformismo republicano e impedindo o liberalismo, o comunismo, o antiseparatismo e o anticatolicismo.
Dúas Etapas Económicas Durante o Franquismo
Durante o franquismo a economía pasou por dúas etapas:
- Autarquía (1939-1959)
- Tecnocrática, Desenvolvista ou de Planificación Indicativa (1959-1975)
A Autarquía (1939-1959)
A etapa da autarquía chámase así porque perseguía o autoabastecemento. O establecemento desta política autárquica partiu da combinación dos seguintes elementos:
- Situación de destrución logo da Guerra Civil.
- Falta de capital para investir e comprar.
- Culminación das tendencias proteccionistas.
- Defensa do español.
- Interese político en practicar esa política que axudaba a establecer a ditadura.
Neses momentos, a política económica autárquica era a que mellor se adaptaba. No documento 1, un texto do propio Franco sobre os fundamentos e directrices do plan de saneamento da economía, faise mención aos problemas existentes, que no texto se sintetizan na desfavorable balanza de pagos (doc. 1 lín.1). É dicir, comprábase moito fóra de España e, como non se compensaba con vendas no exterior, saía capital de España, producíndose unha balanza deficitaria que non se podía manter. Nese contexto era necesario reducir as compras, pero a economía tiña que seguir funcionando, e para iso era necesario:
- Un férreo control do comercio exterior para reducir as importacións, como se sinala no texto nos puntos 1 e 2: suprimir as importacións non indispensables e reducir as que se puidesen. Para iso, o comercio exterior quedou controlado a través das licenzas de importación, e o comercio reduciuse ás importacións de cereais, maquinaria, petróleo e materias primas indispensables. A exportación quedaba reducida aos cítricos e ao volframio (para Alemaña), moi insuficientes para compensar a balanza de pagos.
- O desenvolvemento da industria de forma rápida para garantir a autosuficiencia. Intentouse producir en España para evitar as importacións. Nese sentido promulgáronse leis para facilitar a construción de industrias de bens de equipo, á vez que se impuxeron restricións aos investimentos estranxeiros. Como non había capital privado e non se montaban industrias, na década dos 40 o Estado converteuse nun gran empresario: nacionalizouse RENFE e a Compañía Telefónica, e en setembro de 1941 creouse o INI (Instituto Nacional de Industria), un conglomerado de empresas públicas para industrializar rapidamente ante a falta de iniciativa privada. Os investimentos dirixíronse, sobre todo, á produción de enerxía (ENDESA), material de transporte (SEAT), siderurxia e construción naval (ASTANO).
- En canto á agricultura, intentouse impulsala, pero a falta de abonos, maquinaria e a pouca produtividade provocaron resultados negativos: non se recuperaron as producións de antes da guerra e impúxose o racionamento (fame, estraperlo e mercado negro de todo tipo de produtos).
Os resultados desta política autárquica foron negativos: as restricións, regulamentos e intervencionismo levaron a unha situación de atraso e estancamento, cunha economía pouco competitiva onde a escaseza, o tráfico de influencias e a corrupción eran frecuentes. Os niveis de produción eran moi baixos. A falta de abastecementos impuxo o racionamento, véndose a poboación obrigada a acudir ao mercado negro e aos estraperlistas. Como sinala JL García Delgado no documento 2, a autarquía supuxo o remate do proceso de crecemento desde o último terzo do XIX (doc. 2 lín. 2-3), e un fracaso económico que correu paralelo á regresión política e social (liñas 8-9).
Cara a un Cambio: O Plan de Estabilización de 1959
Esa situación era insostible, polo que o réxime buscou unha solución, que chegou grazas á axuda internacional e ao final do bloqueo, xunto a unhas boas colleitas na agricultura que permitiron acabar co racionamento. Ao tempo, iniciouse un despegue económico, pero quedaba claro que a economía española necesitaba a axuda estranxeira e a integración no mercado internacional para desenvolver o capitalismo.
Por esas razóns, a partir de 1957, empezouse a producir un cambio no réxime. Franco formou en 1957 un novo goberno que se decantou pola liberalización económica. Entraron os tecnócratas (Laureano López Rodó, Navarro Rubio e López Bravo). Estes ministros empezaron cunhas medidas preestabilizadoras na economía que culminaron, en 1959, coa promulgación do chamado Plan de Estabilización (doc. 3). Dese modo entrouse na segunda etapa da economía do franquismo, a etapa tecnocrática (da planificación indicativa) ou desenvolvista.
O Plan de Estabilización de 1959
Como se sinala no documento 3, unha vez superados os problemas da reconstrución da economía, logo da guerra de Liberación (doc. 3 liña 1-2), era necesario dar máis liberdade, pero mantendo o estado o control (liñas 6-9).
Este Plan, decreto-lei de Nova Ordenación Económica (21 de xullo de 1959), coñecido como Plan de Estabilización, contou coa aprobación dos organismos internacionais FMI (Fondo Monetario Internacional) e OCDE (Organización Europea para a Cooperación e o Desenvolvemento), nos que entrou España en 1959 e que concederon importantes créditos para desenvolver esa planificación.
Obxectivos do Plan de Estabilización
Os obxectivos do Plan eran os seguintes:
- Cortar a inflación e sanear as contas exteriores: limitar o gasto do sector público, elevar os tipos de interese (para frear o crédito), frear importacións especulativas, liberalizar o comercio exterior, frear a demanda, estabilizar prezos, novo cambio da peseta (60 pesetas por dólar) e liberalizar as importacións de capitais.