Formas do discurso, exposición e xornalismo en Galicia
1. Narración, descrición e diálogo
As formas do discurso
Distínguense cinco formas do discurso:
- Narración: Serve para contar a evolución duns feitos reais ou imaxinarios que lles ocorren a uns personaxes nun lugar e nun tempo determinados.
- Descrición: Emprégase para indicar detalladamente como son as persoas, os lugares, os obxectos ou os sentimentos.
- Diálogo: Emprégase cando se intercambia información entre un ou máis interlocutores.
- Exposición: Ten unha finalidade informativa e serve para explicar un tema de forma ordenada e obxectiva.
- Argumentación: Utilízase cando se quere defender unha opinión ou influír no receptor para que pense ou actúe de acordo coas intencións do emisor.
A narración
Narrar consiste en contar feitos reais ou imaxinarios protagonizados por uns personaxes. Os principais elementos son: o narrador, a acción e os personaxes. Son textos narrativos os contos e as novelas.
A descrición
Describir consiste en presentar as características de seres, obxectos, lugares ou fenómenos co fin de que o receptor teña unha imaxe fiel deles. Empréganse símiles, adxectivos, metáforas e marcadores espaciais.
O diálogo
Dialogar consiste en intercambiar información entre dous ou máis interlocutores que alternan o uso da palabra. Os diálogos poden ser espontáneos (conversa) ou planificados (debate, entrevista).
2. A exposición
A exposición e os seus tipos
A exposición é un tipo de discurso que ten como finalidade transmitir información de maneira obxectiva, ordenada e clara. Pódense distinguir dous tipos de exposicións: divulgativas (que se dirixen a receptores sen coñecementos específicos na materia tratada) e exposicións especializadas (dirixidas a receptores con coñecementos sobre o tema). Os textos expositivos poden ser conferencias, enciclopedias, noticias, reportaxes, etc.
A estrutura da exposición
- Introdución: É a parte inicial. Nela preséntase o tema de que se vai tratar e o propósito que se persegue.
- Desenvolvemento: É a parte central, a máis extensa. Nela explícanse os conceptos e datos que se queren transmitir, segundo unha determinada orde: espacial, cronolóxica, enumerativa ou causal.
- Conclusión: É a parte final. Contén un resumo das ideas expostas e unha valoración persoal.
3. A exposición: formas e recursos
A exposición: forma
A exposición pódese organizar segundo distintos esquemas textuais:
- Exposición en forma narrativa (cando o tema que se vai expoñer implica un desenvolvemento temporal).
- Exposición en forma descritiva (é típica das exposicións que se centran na caracterización dunha determinada realidade que se presenta perante o receptor).
- Exposición en forma argumentativa (distínguese pola análise razoada do tema que leva a establecer relacións de tipo causal).
A exposición: recursos
Os textos expositivos deben ser claros, expoñer ordenadamente os contidos e presentar a información do xeito preciso. Para iso empréganse os seguintes recursos:
- Uso dun léxico axeitado (convén explicar termos especializados cando cumpra).
- A disposición da información en apartados e subapartados.
- Elementos gráficos que axuden a entender a exposición, como esquemas ou fotografías.
- O uso de conectores lingüísticos específicos (espacial: arriba, abaixo…; cronolóxica: moito despois, a continuación…; enumerativa: por un lado, por outro…; causal: polo tanto, posto que).
4. A exposición nos xornais
A exposición nos medios
O principal obxectivo dos medios de comunicación é proporcionar información. Para conseguir este obxectivo válense da exposición.
Os xéneros xornalísticos informativos
Os principais son:
- A noticia: É unha exposición breve duns feitos de actualidade. Considerámola como un texto expositivo en forma expositiva en que os feitos están enlazados por conectores temporais.
- A crónica: É unha noticia ampliada e comentada en que o xornalista narra os feitos extensamente e presenta a súa interpretación persoal. As formas de exposición habituais na crónica son a narrativa e a argumentativa.
- A reportaxe: É un artigo en que un xornalista informa amplamente sobre un tema de actualidade. Trátase dun texto expositivo que xeralmente adopta forma descritiva.
- A entrevista: É un texto xornalístico en que se recolle un diálogo entre o xornalista e un personaxe.
A linguaxe xornalística
Caracterízase pola claridade, a concisión e a obxectividade. O propósito de calquera xornalista é transmitir en pouco espazo a maior cantidade de información posible. Un trazo peculiar da linguaxe xornalística é a especial ordenación da información: preséntase en orde de interese decrecente.
5. Galicia a comezos do século XX
Un período de transformacións económicas e sociais
A comezos do século XX en Galicia a sociedade seguía a ser maioritariamente campesiña, marcada polo atraso económico e pola emigración cara a América; pero iniciouse un proceso de modernización que tería continuidade ata o inicio da Guerra Civil española. Isto fixo unha profunda transformación social e económica: aumentou a poboación urbana, emerxeu un campesiño propietario, desapareceu a fidalguía rendista, consolidáronse a pequena burguesía comercial e industrial e a burguesía vilega, e tamén apareceu o proletariado.
O agrarismo (1907-1923)
Foi un movemento reivindicativo que estimulou a conciencia política do campesiñado galego, organizándose en sociedades que se manifestaban a través da prensa, dos mitins e das concentracións agrarias. A máis representativa foi a Liga Agraria de Acción Galega. Este movemento contribuíu á abolición dos foros.
Galeguismo nacionalista: as Irmandades da Fala
O nacionalismo galego recolleu e actualizou as aspiracións galeguistas nacidas no século XIX co provincialismo e co rexionalismo. O nacionalismo galego xurdiu coa fundación das Irmandades da Fala (1916) que actuaron nas principais vilas e cidades do país. Tiñan como obxectivo o fomento do uso do galego na vida pública. Tamén publicaron o semanario A Nosa Terra (en galego).
O proxecto político e cultural das Irmandades da Fala
- As Irmandades foron esencialmente un movemento político que definiu Galicia como unha nación. As súas teses nacionalistas formuláronse nos artigos periodísticos de Antonio Villar Ponte e no libro de Vicente Risco Teoría do Nacionalismo Galego. Reivindicaron a cooficialidade para a lingua galega, a igualdade de dereitos para a muller, etc.
- As Irmandades desenvolveron un importante traballo cultural: promoveron agrupacións de teatro, crearon editoriais e revistas, fomentaron os estudos sobre o galego e reclamaron a súa presenza en todos os ámbitos sociais, co obxectivo de culturizar a sociedade galega.
Das Irmandades da Fala ao Partido Galeguista
A partir do ano 1922, as Irmandades da Fala concentraron os seus esforzos na actividade cultural, deixando nun segundo plano a política. O galeguismo non volvería a contar cunha organización política ata a Segunda República coa fundación en 1931 do Partido Galeguista. Este partido conseguiu a obtención do Estatuto de Autonomía para Galicia, pero o levantamento de Franco e a Guerra Civil impediron que se puxese en práctica.
A renovación cultural de Galicia: A época Nós
O programa ideolóxico e político das Irmandades favoreceu o inicio dun segundo rexurdimento coñecido como A época Nós.
- O grupo Nós: En 1920 saía en Ourense o primeiro número da revista Nós. Foi un dos proxectos máis importantes do galeguismo nacionalista e destacou tanto no ámbito científico coma no literario. A revista Nós deulle nome ao grupo de intelectuais que puxo en marcha este proxecto intelectual; fálase así do grupo Nós. Os escritores do grupo Nós modernizaron a cultura galega e con eles a lingua galega alcanzou a súa madurez, consolidándose en xéneros como a novela, o ensaio ou en obras de carácter científico.
- Catro xeracións a erguer a cultura do país: Desde 1920 ata a Guerra Civil, superponse a produción cultural de catro xeracións: Irmandades da Fala (personaxes como Cabanillas e Villar Ponte continúan a desenvolver o seu labor nestes anos), grupo Nós (está formado polos mesmos homes que lanzan a revista: Risco, Otero Pedrayo, Cuevillas e Castelao), grupo dos novecentistas (chámanse así por naceren arredor de comezos de século; destacan Armando Carballo, Manuel Antonio e Dieste) e Seminario de Estudos Galegos (son todos mozos moi novos nestes anos; tras a paréntese da Guerra Civil serán figuras capitais da nosa literatura; entre eles están Cunqueiro, Bouza Brey e Iglesia Alvariño).
6. A prosa ata a Guerra Civil: Risco e Otero Pedrayo
A narrativa na época Nós (1920-1936)
A segunda década do século XX supuxo un período na consolidación da narrativa galega e aparece un grupo de autores que escriben ensaios, novelas e contos en galego desde unha perspectiva renovadora. Isto foi posible grazas a autores como Risco, Pedrayo, Castelao, Cuevillas e Dieste. Ademais do seu labor literario, crearon órganos de difusión como a revista Nós, de carácter cultural e científico, coleccións narrativas como Lar e Céltiga e a editorial Nós.
Vicente Risco
Vicente Martínez Risco (1884-1963) naceu en Ourense no seo dunha familia burguesa liberal. De ampla formación intelectual, interesouse tanto polas novidades estéticas como polas culturas alleas. En 1918 iniciou a súa etapa galeguista e en 1920 dirixiu a revista Nós. En 1920 fixo unha sólida obra narrativa e converteuse nun dos teorizadores do nacionalismo galego. Tras a Guerra Civil abandonou o galeguismo e apoiou o franquismo.
- Obra narrativa: Do caso que lle aconteceu ao doutor Alveiros (1919, é un relato breve de carácter humorístico); O lobo da xente, A trabe de ouro e A trabe de alquitrán (1925, son dúas narracións breves inspiradas en tradicións populares); O porco de pé (1928, é unha obra de carácter satírico e burlesco. O seu protagonista, don Celidonio, un home vulgar e inculto, chega a alcalde. A través del Risco satiriza a unha clase burguesa que só vive pendente dos cartos).
- Obra ensaística: Risco conta tamén cunha importante produción ensaística. Destaca Teoría do Nacionalismo Galego (1920), en que define o noso país mediante as ideas de raza, terra e lingua, e a obra Nós, os inadaptados (1933), en que explica a evolución dos membros do grupo Nós ata chegar a seren galeguistas.
Ramón Otero Pedrayo
Ramón Otero Pedrayo (1888-1976) naceu en Ourense. Doutor en Xeografía e Historia, colaborou con Castelao no Partido Galeguista e foi deputado durante a Segunda República. A súa sólida e ampla formación cultural, o coñecemento directo dos mundos campesiño e fidalgo e a súa vinculación co compromiso galeguista son os alicerces en que se basea o seu mundo literario.
- Obra narrativa: Otero Pedrayo é o autor da obra máis extensa da literatura galega, que abrangue practicamente todos os xéneros: prosa, ensaio, poesía e teatro. A súa produción converteuno no autor máis importante da prosa contemporánea. As novelas máis importantes son: Os camiños da vida (1928, está estruturada en tres partes; nela Otero retrata a decadencia de dúas familias que simbolizan o paso de poder da fidalguía rural á burguesía urbana) e Arredor de si (1930, é o relato da súa propia xeración). Otero é autor doutros moitos títulos, como as novelas A romaría de Xelmírez (1934) e Devalar (1935), e os libros de relatos Contos do camiño e da rúa (1932) e Entre a vendima e a castañeira (1957).
- Obra ensaística: Ten libros como Guía de Galicia (1926) ou Ensaio histórico sobre a cultura galega (1933). Para Otero, ten un carácter fondamente campesiño e defínese por tres períodos históricos de esplendor: o celta, o románico e o barroco.