Follas Novas de Rosalía de Castro: Análise, Estrutura e Significado
Follas Novas: Análise e Contexto
Publicación e Temática Central
Follas Novas foi publicado en 1880, cinco anos antes da morte de Rosalía de Castro. Rosalía concibiu nun comezo este poemario como unha continuación de Cantares gallegos.
O 40% dos poemas de Follas Novas teñen afinidade co texto publicado en 1863, mentres que o resto das composicións presentan un diferente espírito poético motivado polo afastamento da terra, as desgrazas familiares e as doenzas físicas e morais. Trátase dunha poética que afonda nos sentimentos e na saudade.
Estrutura de Follas Novas
É unha compilación de poemas ordenados sen un criterio claro. O libro preséntasenos estruturado en cinco seccións:
- Vaguedás
- Do íntimo
- Varia
- Da terra
- As viudas dos vivos e as viudas dos mortos
A Poesía Subxectiva: Saudade e Introspección
Rosalía afástase do sentimentalismo para facilitarnos, mediante a introspección, a súa vida radical, angustiada e pesimista; a procura do sentido da existencia. En Do íntimo e nos poemas subxectivos de Varia predomina a saudade e a alienación:
...xa non sentín máis tormentos nin soupen que era dor; soupen só que non sei que me faltaba en onde o cravo faltou, e seica, seica tiven soidades daquela pena... ¡Bon Deus!
A Poesía Obxectiva e o Compromiso Cívico
É unha poesía comprometida, cívica; pero nunca panfletaria. A denuncia xorde como sentimento, é pura sensibilidade. O mundo que rodea a Rosalía é unha extensión do seu propio corpo.
Algúns poemas de Da terra, como "Miña casiña, meu lar", "Tanto e tanto nos odiamos", "Xan" ou "Soberba", son unha prolongación de Cantares. Composicións que, sen ser glosas, achegan costumes populares.
Análise de Seccións Específicas
Varia e a Denuncia Social
En Varia encontramos diferentes tipos de composicións: algunhas na liña de Cantares, outras de denuncia social.
As Viudas dos Vivos e as Viudas dos Mortos
Esta sección é unha plasmación panorámica da emigración galega desde a perspectiva da muller. Rosalía sufriu as mesmas dores que sufriron as mulleres galegas. Rosalía falou e chorou por todas. Unha muller introvertida, que se ve atravesada por unha longa e negra sombra de saudade, aparta da súa vista o seu íntimo horror e mira para o das demais.
Innovación Métrica en Follas Novas
En Follas Novas conflúen tres tendencias métricas:
- A romántica: Caracterizada pola polimetría e as combinacións múltiples.
- A popular: Octosílabos, romances, etc.
- A de experimentación persoal: Follas Novas distínguese pola innovación métrica, por unhas combinacións métricas inusitadas.
Exemplos de innovacións inclúen "Unha vez tiven un cravo" e "Cada noite eu chorando pensaba", formas estróficas flexibles, asonancia irregular, agrupacións libres de versos e combinacións varias: de octosílabos e hendecasílabos, de octosílabos e alexandrinos, de decasílabos con dodecasílabos, etc.
Significación e Legado da Obra
A pesar de ser Follas Novas unha obra de inaudito valor literario e humano, o verdadeiramente insólito é que Rosalía compuxese os seus sentimentos e reflexións sociais nunha lingua que consideraba dialectal.
Se Rosalía consagrara en Cantares gallegos o galego para a lírica popular, elabora neste poemario unha poesía universal, sen fronteiras, pero galega, e na lingua dun país daquela recóndito.