O ferrocarril e o comercio na España do século XIX

Xeografía2,38 KB

O ferrocarril e a articulación do mercado interior

O ferrocarril resultou un instrumento indispensable para dotar a España dun sistema de transporte masivo, barato e rápido que puidese favorecer o intercambio de persoas e mercadorías entre as distintas rexións e aumentar o comercio interior.

Pero o principal problema para a articulación do mercado interior foi o escaso desenvolvemento industrial de moitas rexións españolas e o feito de que nelas predominase unha economía agrícola cunha produtividade limitada.

O aumento do comercio exterior

Durante o século XIX, as exportacións medraron a un ritmo semellante ao do conxunto de Europa. Na súa evolución pódense diferenciar dúas grandes etapas: a primeira de crecemento sostido (1815-1850); a segunda de maior aumento por influencia da expansión do comercio internacional (1850-1900).

A estrutura por produtos reflicte moi ben a transformación da economía no século XIX. Nos seus inicios, as exportacións máis salientables eran o aceite e o viño, e as importacións, os tecidos de algodón e liño. A finais de século, o algodón en rama e o carbón pasaron a ser importacións, mentres que se exportaban minerais e tecidos de algodón.

As relacións comerciais co exterior víronse alteradas como consecuencia da perda das colonias americanas que, ata a súa independencia, eran os principais socios comerciais de España.

Librecambismo e proteccionismo

A política arancelaria dos sucesivos gobernos españois evolucionou dende unha primeira etapa do avance do librecambismo (1870) ata outra dominada polo proteccionismo. Defendeuse que esta política proteccionista obstaculizou a vinculación co mercado internacional, fornecedor de novas tecnoloxías, e freou a especialización da produción, constituíndo unha das causas máis destacadas do débil desenvolvemento industrial.

Así e todo, España realizou ata 1874 un apreciable esforzo de liberalización do comercio exterior.

  • Librecambismo: Política económica que suprime as trabas ao comercio internacional e postula a libre circulación de mercadorías.
  • Proteccionismo: Política económica que dificulta a entrada nun país de produtos estranxeiros que fan competencia cos nacionais.

Descargar

PDF Word HTML