Os Felices Anos Vinte en EUA: Prosperidade e Crise Económica

Historia3,92 KB

Os Felices Anos Vinte en Estados Unidos

As Consecuencias da Primeira Guerra Mundial en EUA

Estados Unidos saíu moi beneficiado da Primeira Guerra Mundial. Durante o conflito, a venda de alimentos, armas e produtos industriais aos aliados facilitou que o país acumulase a metade das reservas mundiais de ouro e que o dólar se convertese nunha sólida moeda de cambio. Ademais, as perdas humanas resultaron pequenas en comparación co resto de países belixerantes.

Ao rematar a guerra, Estados Unidos converteuse na primeira potencia económica mundial. A súa produción agrícola era moi elevada e a industrial representaba o 44,8% da produción mundial. A súa maior competitividade abriulle os mercados internacionais aos seus produtos e estes invadiron os mercados mundiais, dominados antes polas industrias europeas. Ademais, moitos países de Europa estaban endebedados cos Estados Unidos como consecuencia dos empréstitos de guerra.

Contrastando coa expansión americana, a Guerra Mundial empobreceu os países europeos que, cunha produción agrícola e industrial en retroceso, tiveron que lles facer fronte aos empréstitos de guerra e á depreciación das súas moedas.

A Prosperidade Americana: Consumo e Auge Bolsista

O crecemento americano prolongouse durante os dez anos que seguiron á fin da guerra: foi a década da prosperidade e da consolidación dun modo de vida americano, baseado nun gran consumismo. Estados Unidos converteuse no paraíso para millóns de emigrantes de todo o mundo.

O Consumo de Masas e a Innovación Produtiva

A expansión de Estados Unidos baseouse nunha profunda transformación no proceso de produción de bens, dominado pola innovación técnica. Por unha banda, o taylorismo e o fordismo contribuíron a incrementar a produtividade e a reducir custos. Por outra, o aumento dos salarios obreiros, as campañas publicitarias, a compra a prazos e os préstamos bancarios abríronlle o camiño á era do consumo de masas.

A prosperidade reflectiuse nun grande auxe da Bolsa. Os bos resultados empresariais fixeron aumentar a demanda de accións, cuxo valor subía de xeito constante. A euforia bolsista xerou unha gran burbulla especulativa, isto é, un aumento do valor das accións como resultado da crecente demanda e non do aumento dos beneficios das industrias. Os investidores adquirían accións non para obter dividendos a medio e longo prazo, senón para vendelas nuns poucos días. Foi tal a loucura investidora que moitos compradores solicitaron créditos para mercar accións.

A Crise da Superprodución e o Fin dos Anos Vinte

A prosperidade non beneficiou a todos por igual e unha serie de elementos preludiaron a crise que se aveciñaba. Os campesiños foron os primeiros prexudicados xa que durante a Guerra Mundial se endebedaran para adquirir novas terras e máquinas e dese xeito aumentar a produción, que lles vendían aos países belixerantes. Rematado o conflito, as exportacións diminuíron e o mercado americano non podía absorber toda a produción. Ante o aumento da oferta, os stocks acumuláronse, os prezos baixaron aceleradamente e os campesiños non puideron devolver os préstamos. Foi a ruína para milleiros de persoas que perderon as súas terras, as súas máquinas e mais as súas casas. Moitos emigraron cara ás cidades, onde a falta de traballo os afundiu na marxinalidade.

Na industria aconteceu un fenómeno semellante. A produción medrou máis rapidamente que o mercado e as fábricas producían máis do que podían vender. A acumulación de stocks fixo baixar os prezos e moitas empresas crebaron e pecharon as súas portas. O paro obreiro estendeuse e como a poboación tiña menor capacidade de compra, o consumo diminuíu. Os felices anos 20 estaban achegando a súa fin.

Descargar

PDF Word HTML