Factores Termodinámicos e Circulación Atmosférica en España
Factores Termodinámicos do Clima
Os factores termodinámicos do clima son os responsables da circulación atmosférica ou sucesión de masas de aire, que determina os distintos tipos de tempo atmosférico e de clima. A circulación atmosférica está rexiada en altura pola corrente en chorro, e en superficie, polos centros de acción, as masas de aire e as frontes.
Na zona temperada na que se sitúa España, a circulación atmosférica en altura está dirixida pola corrente en chorro ou jet stream. Trátase dunha forte corrente de vento, de estrutura tubular, que circula en dirección oeste-leste entre os nove e os once quilómetros de altitude, na diferenza de altura existente entre a tropopausa polar e a tropical. O chorro separa as baixas presións presentes sobre o polo en altura, que quedan á esquerda da súa traxectoria, das altas presións tropicais, situadas á súa dereita.
Circulación en Altura: A Corrente en Chorro
A corrente en chorro é a responsable do tempo en superficie. Este depende das variacións que experimenta a velocidade da corrente e dos seus desprazamentos estacionais:
A Velocidade da Corrente
A velocidade da corrente é variable. Cando circula rápido, a máis de 150 km/h, ten un trazado case zonal (oeste-leste), con suaves ondulacións, que corresponde en superficie coa fronte polar e coas súas borrascas. Pero cando a súa velocidade diminúe, describe profundas ondulacións: cristas ou dorsais que orixinan altas presións e vales ou vagalladas que orixinan baixas presións. Ambas as dúas reflíctense en superficie e dan lugar a anticiclóns e a borrascas dinámicas. As ondulacións, que poden chegar a desprenderse do chorro principal, permítenlle ao aire polar penetrar moi ao sur e ao aire tropical desprazarse cara ao norte, o que lle confire gran variabilidade ao tempo da zona temperada.
Os Desprazamentos Estacionais
Os desprazamentos estacionais do chorro en latitude determinan que lle afecte a toda a Península principalmente no inverno, cando circula máis ao sur. En cambio, no verán trasládase cara ao norte e adoita incidir só na franxa cantábrica peninsular.