Explorando a Nova Narrativa Galega: Unha Visión Detallada
A Nova Narrativa Galega: Características, Autores e Obras Representativas
A nova narrativa galega iniciouse nunha época moi convulsa e dinámica (entre 1950-1960), non só polo contexto galego, senón tamén europeo. Neste contexto da posguerra producíronse grandes cambios nas manifestacións artísticas e marcouse unha enorme evolución nos anos seguintes. Consolídanse correntes de pensamento como o marxismo e o existencialismo, baseado na reflexión da existencia humana. Un dos referentes para a xuventude destes anos será o filósofo e escritor Jean Paul Sartre. Na Galicia destas décadas existe unha situación social distinta da europea e marcada pola ditadura franquista, na que o medo e a represión forman parte da realidade cotiá.
A nova narrativa galega asimilará novos procedementos empregados por autores destacados na renovación literaria do século XX, como o monólogo interior ou fluír da conciencia, a descrición dos estados de ánimo dos personaxes, o clima da irrealidade ou a confusión entre o soño e a realidade presente na obra de Franz Kafka, a ruptura da orde cronolóxica lineal do relato, o obxectalismo ou descrición dos obxectos, o gusto pola narración obxectiva, sen apenas presenza do narrador, entre outros.
A nova narrativa galega podémola definir como un movemento de renovación formal e temática da narrativa en galego, que supuxo o emprego duns xeitos de narrar modernos inspirados nos autores e movementos literarios internacionais máis innovadores do século XX. Os autores da NNG son case todos mozos que posúen trazos comúns. Publican na colección Illa Nova da Editorial Galaxia, participan nas Festas Minervais e colaboran en xornais como La Noche, entre outros. O inicio de produción desta escola considérase no ano 1954, coa publicación de Nasce unha árbore, de Gonzalo Rodríguez Mourullo.
Podemos destacar algúns trazos comúns da NNG como o emprego de distintas técnicas narrativas que favorecen o distanciamento do narrador e a aproximación ao personaxe, a temática existencialista centrada na angustia vital e no absurdo da existencia, o comportamento dos personaxes como anti-heroes, a ruptura do discorrer lineal do tempo, os espazos urbanos, un ambiente onírico e unha visión pesimista e desesperada da realidade franquista, entre outros.
Gonzalo Rodríguez Mourullo reflicte nas súas obras a fatalidade, o absurdo, o incomprensible. Presenta un mundo de pesadelos e angustias, e xoga coa confusión entre o mundo real e o mundo de ficción. A súa obra máis representativa é Nasce unha árbore, considerada como a primeira da NNG. Tamén aparecen reflectidas estas características na obra Memorias de Tains.
Xosé Luís Méndez Ferrín é un dos autores clave na NNG, e posúe obras que xa non están incluídas neste movemento. Nas súas obras podemos apreciar unha constante relación entre a realidade e a fantasía, a interpretación dun pasado mítico, a violencia, utilización de topónimos e antropónimos sonoros e evocadores, incorporación de personaxes ou accións doutras obras modificados ao gusto do autor e unha grande simboloxía, entre outros. Entre as súas obras podemos destacar Percival e outras historias, onde se reflicte o tema existencial e o tema artúrico, O crepúsculo e as formigas, con presenza de temas innovadores como o monólogo, e Arrabaldo do norte, cuxos personaxes son anónimos.
Entre as obras de Camilo Gonsar podemos destacar Cara a Times Square. Esta novela presenta un carácter alegórico e está aberta ás distintas interpretacións do lector. Para moitos, é a novela que pecha o movemento da NNG. Outra das súas obras é Lonxe de nós e dentro, onde aparecen o tema da violencia e do absurdo.
Das obras da autora Mª Xosé Queizán, podemos destacar A orella no buraco, incluída na NNG, xa que as demais son posteriores. Esta obra está dividida en capítulos nos que presenta a técnica obxectalista.
Xohana Torres é autora dunha única novela, Adiós, María, na que emprega o monólogo interior e o tratamento do tempo.
Carlos Casares desenvolveu unha importante obra narrativa, con inclusións na narrativa infantil, como As laranxas máis laranxas de todas as laranxas. Destacou tamén como xornalista e ensaísta, e entrou en contacto co Grupo Galaxia. Entre as súas obras destacan Vento ferido e Cambio en tres, nas que están presentes o monólogo interior e o obxectalismo, e O sol do verán, que é a súa derradeira novela. É unha historia de amores imposibles e parte do suicidio dun dos protagonistas.