Éxodo rural e inmigración en España: 1900-Actualidade
Mobilidade espacial da poboación en España
A) O éxodo rural
B) A inmigración
A dinámica da poboación non depende só da relación entre nacementos e defuncións, senón tamén da mobilidade da poboación ou saldo migratorio. Os movementos migratorios españois adoitan clasificarse en:
- Migracións transoceánicas históricas, ata mediados do século XX, cuxo principal punto de destino foron diversos países de América Latina.
- Migracións modernas, desde finais da década de 1950, que presentaron unha dobre vertente:
- As migracións interiores campo-cidade.
- As migracións exteriores, cara aos países industriais de Europa Central e Occidental.
As migracións campo-cidade tiveron lugar cando aumentou a poboación rural, diminuíu a poboación empregada na agricultura e aumentou a demanda de man de obra na industria e nos servizos.
O éxodo rural
De 1900 a 1975
No primeiro terzo do século XX rexistráronse fortes correntes migratorias desde as zonas rurais ás cidades, impulsadas polas novas actividades industriais e de servizos das áreas urbanas. Estes movementos interrompéronse durante a Guerra Civil e a inmediata posguerra, para rexurdir con moita máis forza nos anos cincuenta, sesenta e primeira metade dos setenta.
Nesa época, a economía española experimentaba un elevado ritmo de crecemento, apoiado na industrialización e o turismo, que estimularon a construción de vivendas e infraestruturas. Ao mesmo tempo, produciuse a mecanización de gran parte das tarefas agrarias, o que orixinou un éxodo masivo de poboación no medio rural.
Os espazos emisores eran as áreas rurais do interior peninsular: Andalucía, Estremadura, as dúas Castelas, Asturias, Galicia, etc. Os espazos atractores foron Madrid, Cataluña e o País Vasco, que se atopaban en pleno proceso de industrialización.
A chegada de inmigrantes xerou o crecemento das grandes áreas urbanas, como Madrid, Barcelona, Bilbao, Valencia, Zaragoza e Sevilla. Tamén creceron cidades máis pequenas, como Tarragona, Valladolid, Vigo e as principais áreas turísticas do país.
Novas pautas das migracións interiores: de 1975 á actualidade
As migracións interiores de carácter laboral finalizan a mediados dos anos setenta do século XX, como consecuencia da crise económica que se produciu a causa da alza do prezo do petróleo. Desta maneira, entre 1975 e 1985 debilitáronse os fluxos migratorios interprovinciais. Continúan os movementos de poboación nova desde o medio rural ata as cidades, ao tempo que se inician os movementos de retorno de emigrantes en sentido oposto.
Coa recuperación económica de mediados dos anos oitenta do século pasado, os fluxos reactívanse, aínda que sen alcanzar a intensidade dos tempos do éxodo rural nin os niveis doutros países europeos. Destaca un modelo migratorio novo, en que as migracións interprovinciais perden importancia a prol das migracións intraprovinciais, orixinadas por cambios no lugar de residencia, pero non necesariamente de emprego.
Na actualidade, a maior parte dos fluxos migratorios están ligados á expansión urbana. O crecemento das principais cidades desborda os termos municipais e trasládase aos municipios veciños. Ese cinto de municipios próximos ás grandes cidades é o que experimenta un maior crecemento demográfico, debido sobre todo á inmigración de poboación nova. Este proceso é posible a causa da confluencia dun conxunto de factores técnicos, económicos, culturais e ambientais.