O Estado: Territorio, Poboación, Poder e Democracia

Ciencias sociais4,12 KB

O Estado: é un conxunto de institucións creadas para organizar as vidas das persoas que viven nun mesmo territorio e que están gobernadas por unhas mesmas leis baixo un mesmo poder.

O territorio

O territorio: os estados posúen un territorio sobre o que exercen o poder. O territorio estatal está delimitado por fronteiras. Máis alá das fronteiras, o Estado non pode adoptar decisións nin impoñelas; se así non fose, poderíanse producir conflitos entre estados.

A poboación

A poboación: as persoas que viven nun territorio estatal están sometidas ao seu poder e ás súas leis; teñen unha serie de dereitos e obrigacións que lles afectan por igual a todos os cidadáns. Nun mesmo estado poden vivir persoas de diferentes culturas e nacionalidades.

O poder

O poder: é o que caracteriza ao Estado. Neste apartado o Estado realiza diversas funcións:

  • Establecer leis: establece as leis que regulan as relacións sociais da poboación do Estado. Se é un estado democrático, as leis elaboranse no parlamento.
  • Vela polo cumprimento das leis: a través do poder xudicial.
  • Seguridade e orde: é responsable da orde no interior do seu territorio (corpos policiais) e tamén da súa seguridade exterior (exército).
  • Política exterior: ten competencia exclusiva na política exterior, isto é, nas relacións con outros estados.
  • Finanzas públicas: recada impostos, cos que financia os servizos e as infraestruturas nacionais, establece as prestacións da seguridade social e proporciona axudas para fomentar a igualdade entre os diversos territorios.
  • Dirección económica: dirixe a economía.
  • Administración de servizos públicos: administra servizos públicos, a partir dos impostos recadados.

O exercicio do poder: A democracia

Na actualidade, nos estados democráticos, a elección dos gobernantes é realizada polos cidadáns e cidadás maiores de 18 anos, xa que o exercicio do poder reside no pobo.

Elementos do Estado democrático

Un estado é democrático cando os cidadáns e as cidadás participan nos labores do goberno. Distínguense dous tipos principais de democracia:

  • Democracia directa: é cando os cidadáns e as cidadás, reunidos en asamblea ou mediante un referendo, toman decisións.
  • Democracia representativa: é cando os cidadáns e as cidadás escollen nas eleccións aos que exercerán a soberanía en seu nome.

O parlamento

O parlamento está formado polas persoas elixidas mediante as eleccións. É o órgano que elabora e aproba as leis e elixe ao presidente do goberno e aos titulares das outras administracións.

As eleccións

Para que as eleccións sexan democráticas deben cumprir estes requisitos:

  • Libres: todos os cidadáns e cidadás poden presentarse como candidatos.
  • Plurais: debe haber varias opcións políticas.
  • Por sufraxio universal: deben participar como electores todos os cidadáns e cidadás maiores de idade, sen ningunha discriminación por razóns económicas, de sexo, ou doutra índole.
  • Periódicas: deben repetirse cada certo tempo.

Partidos políticos

Os partidos políticos son as canles a través das cales os cidadáns participan na vida política. Os partidos presentan aos cidadáns programas políticos que son a expresión da vontade de actuación dunha formación política cando están no goberno e para presentar os candidatos e as candidatas que concorren ás eleccións.

A división de poderes

A súa función é evitar que alguén acumule todo o poder. Divide-se o poder en tres ramas fundamentais:

  • Parlamento: función lexislativa.
  • Goberno: función executiva.
  • Poder xudicial: función xudicial.

Descargar

PDF Word HTML