Esplendor e Decadencia do Galego na Idade Media
O Esplendor Medieval (séculos IX-XIII)
A lingua galega, dende o seu nacemento no século IX ata a actualidade, viuse obrigada a compartir espazos con outras linguas, primeiro co propio latín e despois co castelán. Na primeira parte da Idade Media (IX-XII), o latín era a lingua de prestixio: a lingua da Administración e a Igrexa, e a única que se empregaba na escrita. Nos ámbitos familiares e coloquiais, todo o mundo falaba xa o romance. Nesta época, polo tanto, atopamos unha situación de bilingüismo social na que o latín era a lingua alta e o galego-portugués a lingua baixa. Esta distribución lingüística de funcións recibe o nome de diglosia.
No século XIII, o galego comeza a disputarlle ao latín as funcións nobres, converténdose en lingua de escritura. Galicia vive daquela un período de monolingüismo, no cal o galego-portugués se emprega en todos os contextos e funcións. Dende o século IX ata o XIII, Galicia vivira un período de esplendor económico, político e cultural.
Período Medieval da Decadencia (séculos XIV e XV)
Nos últimos séculos da Idade Media (XIV e XV), continúa a progresiva decadencia política de Galicia, coas lóxicas consecuencias sobre a cultura e a lingua galegas. No reinado de Pedro I, como castigo, a nobreza galega comeza a ser substituída por nobres casteláns. O posterior reinado dos Reis Católicos inflixe un severo castigo a Galicia: os postos clave da Administración e da Igrexa pasan a ser ocupados por xente de fóra, que só fala castelán. A Igrexa sumouse ao proceso de castelanización, constituíndose nun poderoso axente de penetración do castelán. Así, dende o século XV, o castelán foille disputando ao galego as funcións de prestixio que este lle arrebatara antes ao latín. Comeza un período de marxinación da lingua, no cal o galego se ve sometido a unha progresiva substitución lingüística polo castelán.
En primeiro lugar, vese afastada do uso escrito e dos ámbitos formais, quedando relegado aos ámbitos coloquial e familiar. Atopamos nesta época unha clara separación das linguas segundo a clase social: os reis, nobres e altos cargos eclesiásticos só falan castelán e as demais clases sociais só falan galego.
Do Século XVI ao XVIII: Os Séculos Escuros
A partir do século XVI, o galego perde uso como lingua da cultura escrita por un espazo de máis de trescentos anos: os denominados Séculos Escuros. Nos séculos XV e XVI aparecen as primeiras gramáticas do español, o portugués ou o italiano, mentres que no caso do galego cómpre esperar ata a segunda metade do século XIX. O galego, ausente da cultura escrita e desprazado polo poder, vaise cargando de connotacións negativas.
No século XVII, o cambio dinástico da casa dos Austrias aos Borbóns trouxo consigo unha forte política de uniformación do Estado, con vontade explícita de imposición do castelán. Canto á economía, a renovación económica e industrial desa época foi levada a cabo en Galicia por unha burguesía foránea. Como consecuencia, o castelán vaise convertendo na lingua das clases máis altas e favorecidas economicamente. En contraste, a gran maioría da poboación segue a ser monolingüe en galego, xa que a estrutura socioeconómica de Galicia impediu o avance masivo do castelán. Atopamos de novo unha sociedade bilingüe na que as linguas se distribúen en función das clases sociais. En definitiva, unha situación de bilingüismo social co castelán como lingua dominante, pero totalmente minoritaria. Esta situación provoca a aparición dos prexuízos lingüísticos que asocian o galego coa pobreza e a incultura, que en certo modo perduran ata a actualidade.
Defensa do Galego
A defensa máis lúcida e completa foi a de Frei Martín Sarmiento (1695-1772), quen reinvindicou o ensino en galego e do galego, así como a obriga de coñecer e usar esta lingua para os funcionarios civís e relixiosos destinados en Galicia.