Espectáculo trobadoresco na Idade Media
As distraccións e o pracer na Idade Media: o espectáculo trobadoresco
Na Idade Media, os nobres, cando non estaban envoltos en guerras contra árabes, reinos cristiáns ou no seu propio espazo, —de aí que a guerra fose o verdadeiro oficio para os da aristocracia—, dedicaban o seu tempo de lecer a actividades como a caza e a celebración de xustas e torneos. Porén, as condicións climáticas non sempre permitían actividades ao aire libre, polo que tiveron que procurar outros divertimentos dentro de pazos e castelos. A celebración de festas nas que se cantaba e bailaba foi a eclosión do mundo dos trobadores.
Discusión sobre a orixe e influencias
Aínda que existe discusión pola presenza e importancia de elementos de orixe popular, especialmente nas cantigas de amigo, o certo é que estamos diante dunha lírica culta, propia de ambientes aristocráticos. Isto non impide que rexistremos nela aqueles apartados populares ou popularizantes. Constitúe tamén motivo de controversia a influencia da Occitania, xa que a concepción da arte trobadoresca tivo lugar nesas terras do actual sur de Francia. A devandita influencia pode ser determinante canto á conformación do espectáculo trobadoresco. Porén, en apartados formais, este noso lirismo é capaz de expresarse en galego-portugués e non en occitano, como aconteceu noutras áreas de Europa.
O espectáculo trobadoresco
A lírica medieval naceu como unha forma cantada durante as veladas celebradas nos pazos dos reis e grandes señores. Algunhas cantigas ían acompañadas por diferentes instrumentos musicais, bailes e danzas. Os propios monarcas e grandes señores tiveron participación directa no espectáculo, acompañados por xentes de extracción máis humilde, como:
- Trobador: membro da nobreza que compón cantigas no seu tempo de lecer. Máis tarde, xurdiron outros poetas-compositores que, dende unha perspectiva profesional, quixeron denominarse a si mesmos trobadores, aínda que os poetas aristocráticos lles negasen ese título.
- Xograr: os trobadores necesitaban dos xograres, de baixa extracción social, para que interpretasen as súas cancións. Só eran admitidos no pazo para o espectáculo, aínda que algún deles chegou a compoñer as súas propias cantigas.
- Soldadeiras: eran mulleres que participaban como membros activos do espectáculo trobadoresco, acompañando aos xograres con cantos e bailes.
Cantigas de amigo
Clasificación
- Cantigas dirixidas directamente ao amigo.
- Cantigas dirixidas indirectamente ao amigo.
- Clasificación tradicional:
- Barcarolas: relacionadas co mar.
- Bailadas: con referencia ao baile.
- De romaría: a acción ten lugar nos arredores dunha ermida.
Paralelismo
O lirismo trobadoresco galego-portugués xira en torno ás repeticións, como o paralelismo. Hai dous tipos:
- Estrutural: unha construción sintáctica e rítmica en lugares preestablecidos dentro do texto.
- Literal: repetición case enteira dun verso.
Leixaprén
Consiste en repetir o último verso da primeira estrofa como primeiro da terceira, e o último da segunda como primeiro da cuarta.
Cantigas de amor
Caracterización temática
- Elementos:
- A voz é sempre a dun home.
- A protagonista é a muller, sempre fermosa.
- O amado non pode mostrar máis que absoluta submisión cara á súa namorada.
- Un amor non correspondido, sendo a consecuencia desa relación a coita de amor.
Clasificación
- Dirixidas á dama directamente.
- Dirixidas indirectamente (conxunto máis numeroso).
- Unha segunda posibilidade de clasificalas é segundo teñan refrán (maior número de composicións) ou sexan de mestría (composicións nas que non aparecen refráns).