A Época de Stalin: Da Loita polo Poder á Consolidación da URSS

Historia2,21 KB

A Ascensión de Stalin e o Fin da NEP

Á morte de Lenin en 1924, desencadeouse a loita polo poder, latente dende 1922. Stalin saíu vencedor ao desembarazarse dos seus opoñentes, especialmente Trostki. Con Stalin, púxose fin á NEP (Nova Política Económica), impoñéndose unha política económica baseada na centralización e planificación, desenvolvida a través dos Plans Quinquenais.

Os Plans Quinquenais e a Transformación Económica

A creación do Gosplan, como órgano centralizador de planificación, permitiu poñer en práctica o Primeiro Plan Quinquenal (1929-1933). Os seus obxectivos eran: a eliminación dos Kulaks e a colectivización obrigatoria da terra (Kolkhozi e Sovkhozi); a supresión das industrias e o comercio privado xurdidos coa NEP; e o desenvolvemento dun modelo de crecemento orientado á industria de bens de equipo, así como na produción de enerxía e infraestruturas. Este modelo consolidouse nos sucesivos plans quinquenais, o que fixo que a finais da década de 1930, a URSS se situase entre as grandes potencias industriais do mundo. Con todo, isto deu lugar a un desequilibrio productivo en detrimento da industria de bens de consumo.

A Consolidación do Poder e a Represión Política

No plano político, a aprobación da Constitución de 1936 consolidou o estado da URSS. Aínda que na teoría garantía os dereitos das diferentes nacionalidades e repúblicas que formaban a URSS, na práctica convertíase nun modelo centralista e burocratizado. Este modelo permitiu a Stalin eliminar calquera crítica ou contestación política (purgas), que levaron á morte non só aos opositores, senón á maioría dos líderes da revolución de outubro, con falsas acusacións e xuízos en grupo. O burocratismo do estado e da sociedade conduciu á identificación do estado co partido e con Stalin, propiciándose o culto á personalidade do líder. A fidelidade á dirección e ao modelo deu lugar tamén á formación dunha casta dominante: a “nomenclatura”. Esta converteuse nun sector privilexiado que controlaba a burocracia e que sería un lastre para o desenvolvemento do modelo soviético no intento de configurar un tipo de sociedade alternativa ao modelo capitalista.

Descargar

PDF Word HTML