A Ditadura de Primo de Rivera (1923-1930) e a caída da Monarquía
A Ditadura de Primo de Rivera (1923-1930)
O 13 de setembro de 1923, Miguel Primo de Rivera deu un golpe de Estado que poñía fin ao réxime constitucional da Restauración, exercendo unha ditadura ata 1930. O rei Afonso XIII aceptou o golpe de Estado.
Os motivos que xustificaron o golpe de Estado de Primo de Rivera foron: os fracasos militares en Marrocos, os ataques ao rei e o incremento da conflitividade social.
Inicialmente contou co apoio do rei e dunha ampla aceptación popular, porque o ditador críase capaz de resolver problemas como a guerra de Marrocos, o caciquismo, a corrupción política e o atraso económico, cousa que non logrou.
Os dous períodos do goberno
No seu goberno cabe destacar dous períodos:
- Directorio militar (1923-1925): un goberno formado só por militares; as Cortes foron disoltas e a Constitución de 1876 quedou suspendida. O seu maior éxito foi a finalización da guerra de Marrocos co desembarco de Alhucemas en 1925.
- Directorio civil (1925-1930): un goberno formado maioritariamente por civís vinculados á Unión Patriótica. Instaurouse un réxime político corporativo e autoritario similar ao de Mussolini, cunha Asemblea Nacional Consultiva. Para potenciar o desenvolvemento económico tomáronse medidas como: proteccionismo arancelario, formación de monopolios (teléfono e combustibles) e construción de obras públicas. En 1926, en Galicia, aprobouse a lei de redención dos foros, que permitiu aos campesiños quedarse coa propiedade da terra (a terra para quen a traballa). A comezos de 1930, sentíndose só e sen o apoio do exército, Primo de Rivera presentou a súa dimisión ao rei.
Fin da Monarquía (1930-1931)
Tras a dimisión de Primo de Rivera, o rei Afonso XIII encargoulle ao xeneral Berenguer a formación dun novo goberno que restablecese o sistema político da Constitución de 1876. A oposición á monarquía e a idea dunha España republicana ía en aumento; en Galicia, en marzo de 1930, creouse a Federación Republicana Galega no chamado Pacto de Lestrove. A comezos de 1931, un novo goberno presidido por Aznar convocou eleccións municipais para o 12 de abril e, o 14 de abril, proclamábase a República en España e o rei Afonso XIII abandonaba o país.