A Dinámica da Poboación en España: Unha ollada ao Crecemento e as Migracións
A Poboación Activa e a Esperanza de Vida
Poboación activa: Sector da poboación que se atopa en idade apta para traballar (16 a 65 anos). Se está empregada denomínase poboación activa ocupada; se está en paro, poboación activa desocupada ou desempregada. Esperanza de vida: Cálculo do número de anos que unha persoa pode esperar vivir no momento de nacer ou cando acada unha determinada idade, sempre que os niveis de mortalidade permanezan constantes. Obtense a partir das táboas de mortalidade. A esperanza de vida é maior nas mulleres que nos homes, situándose en 2020 en 85,4 anos para as mulleres e 80,1 para os homes (en España, INE).
Réxime Demográfico
Réxime demográfico: Etapa na evolución do movemento natural dunha poboación con unhas características determinadas en canto á natalidade, á mortalidade e ao crecemento natural ou vexetativo. Distínguense: 1) o antigo réxime demográfico, con altas taxas de natalidade e mortalidade e crecemento vexetativo escaso; 2) o réxime demográfico moderno, con taxas de natalidade e mortalidade moi baixas.
O Censo de Poboación e o Crecemento Vexetativo
Censo de poboación: É un documento no que se reconta a poboación dun país nun momento determinado, achegándonos información sobre o volume de poboación dun lugar, a súa composición por sexo e por idades, estado civil, tamaño da familia, nivel de estudos, renda, etc. Crecemento vexetativo: É a diferenza entre o número de nacementos e o número de defuncións dunha poboación nun determinado período de tempo. Calcúlase restando a taxa de natalidade á taxa de mortalidade. A taxa de crecemento vexetativo considérase alta se supera o 4%, moderada se se atopa entre o 1% e o 2%, e baixa se é inferior ao 1%. Taxa de fecundidade: É a que relaciona o número de nacidos vivos nun ano co número de mulleres en idade (15-49) de ter fillos, e exprésase en tantos por mil. A Taxa de fecundidade é = ao número de nacementos multiplicado por mil, dividido polo número de mulleres entre 15 e 49 anos. A taxa é alta se o valor é superior a 150‰, media se está situada entre 150‰ e 75‰ e baixa se é inferior a 75%.
Desequilibrios Territoriais no Movemento Natural da Poboación
A evolución conxunta da natalidade e mortalidade determina o crecemento natural ou vexetativo, é dicir, a evolución que tería a súa poboación se non existisen as migracións exteriores. Este crecemento é desigual no espazo (concellos, provincias e comunidades autónomas), e variou intensamente no tempo como consecuencia do desigual descenso das curvas de natalidade e mortalidade. En conxunto, España está hoxe en pleno réxime demográfico moderno, con taxas de natalidade baixas e de mortalidade estabilizadas aínda que con tendencia a medrar por mor do avellentamento demográfico. As taxas de fecundidade son baixas, e non aseguran a taxa de reposición xeracional, de 2,1 fillos por muller. A taxa de crecemento natural para o conxunto de España, actualmente é moi baixa, pois durante os últimos anos situouse por debaixo do 2‰, o que implica que a poboación se mantería estable se non se producisen migracións exteriores.
Porén este dato encerra diferenzas espaciais, pois hai áreas con crecementos elevados, mentres que outras teñen valores negativos.
- Os pequenos municipios rurais, sobre todo na metade norte, teñen unha poboación moi avellentada por efecto da emigración, e presentan un crecemento natural negativo, xa que a mortalidade é elevada e a natalidade moi baixa.
- Os municipios rurais de maior tamaño, situados predominantemente na metade sur presentan unha dinámica natural lixeiramente positiva, xa que foron capaces de reter unha maior cantidade de poboación nova.
- Os municipios urbanos e turísticos teñen dinámicas positivas, xa que contan cunha poboación máis nova, debido aos recentes procesos de inmigración.
- Os crecementos máis altos danse nos municipios que rodean as grandes cidades onde se asenta poboación moi nova, polo que o número de nacementos é alto en relación coa poboación total.
Por isto, as comunidades autónomas con maiores taxas de crecemento natural son: Murcia, Madrid, Andalucía, Cataluña, as dúas comunidades insulares, a Comunidade Valenciana, Navarra e as cidades de Ceuta e Melilla. En xeral, presentan unha estrutura demográfica relativamente máis nova, causada por un comportamento tradicional máis natalista (Andalucía, Murcia e as cidades de Ceuta e Melilla), por ser foco de inmigración interna en épocas pasadas (Madrid, Cataluña, Comunidade Valenciana, Baleares) ou por recibir unha forte inmigración estranxeira desde a década de 1990 (todas elas). Pola contra, as comunidades autónomas con crecemento natural negativo son aquelas que teñen a poboación máis avellentada, sobre todo Asturias, Galicia e Castela e León. Estas comunidades presentan unha estrutura demográfica fortemente avellentada, por sufrir a intensa emigración en épocas pasadas (Galicia e as comunidades do interior peninsular); pola prolongada incidencia da crise industrial de 1975 (rexións de antiga tradición industrial da cornixa cantábrica), e por contar na actualidade con menor inmigración.
Movementos Migratorios
A dinámica da poboación non depende só da relación entre nacementos e defuncións (crecemento natural), senón tamén da mobilidade da poboación ou saldo migratorio. As causas das migracións son diversas e as súas consecuencias, complexas. Os movementos migratorios españois adoitan clasificarse en migracións transoceánicas históricas, ata mediados do século XX, cuxo principal punto de destino foron diversos países de América Latina, e migracións modernas, desde finais da década de 1950, que presentaron unha dobre vertente: as migracións interiores campo-cidade e as migracións exteriores, cara aos países industriais de Europa Central e Occidental. Dentro das migracións interiores debemos apuntar como se deu un cambio importante, pois pasouse dun dominio das migracións interprovinciais cara os espazos con maior desenvolvemento dentro do Estado, ás actuais, nas que priman os movementos intraprovinciais, vencellados á desconcentración residencial desde as áreas metropolitanas cara ás súas periferias.
Tras a entrada de España na Unión Europea e a superación da crise económica da primeira metade dos anos oitenta do século XX, o país comezou a converterse en destino de fluxos migratorios internacionais. En 1985, España só contaba con uns 250.000 residentes estranxeiros, o que supoñía un 0,6% da poboación total. Na actualidade, esta cifra supera xa os 5,2 millóns, representando o 11,3% da súa poboación. O desenvolvemento económico desta época transformou España dun país tradicionalmente emigrante nun país receptor de inmigración. Esta inmigración pódese agrupar en catro grandes conxuntos:
- Persoas xubiladas procedentes de Europa Central e do Norte. Son xente que se asenta definitivamente en España, sobre todo na costa mediterránea, atraída por un clima suave e un medio agradable rodeado de bos servizos. Este tipo de poboación, que aumentou de forma notable a comezos do século XXI, non atopa ningunha dificultade para a súa instalación no noso país.
- Directivos de empresas multinacionais, traballadores de alto nivel profesional, xentes do mundo artístico e da cultura. Este grupo de poboación está formado por persoas que proceden na súa maioría da Unión Europea. Vén a España por cuestións laborais ou porque atopan mellor calidade de vida. Neste colectivo inclúense altos cargos directivos, técnicos, deportistas, estudantes, etc.
- Refuxiados políticos. Son persoas que por motivos políticos tiveron que fuxir do seu país. Tamén se inclúe neste grupo os que abandonaron o seu lugar de orixe por conflitos armados, violencia xeneralizada ou por razóns de seguridade persoal.
- Inmigrantes procedentes de países pobres. Este é o grupo máis numeroso da inmigración que chega a España na actualidade. Está formado principalmente por homes, mulleres e nenos procedentes de diversos países de África, América Latina, Leste de Europa e Asia, que vén na procura de traballo e dunhas condicións de vida máis dignas.
A Unión Europea e España levan a cabo un proceso de regulación para controlar a entrada destes inmigrantes, que atopan moitas dificultades e limitacións para obter o permiso de inmigración e de traballo. Estas persoas poden entrar no país como turistas ou a través das mafias ou redes clandestinas de transporte de inmigrantes. Viaxan en pateras ou caiucos, ou agochados en camións co risco que iso implica para as súas vidas. Aínda que, como vemos, os inmigrantes proveñen de moi distintos países, certas nacionalidades están máis representadas en función da proximidade xeográfica e dos lazos históricos e culturais. Así, a maior parte dos inmigrantes procede agora de América Latina, norte de África e Europa. Entre os primeiros destacan os ecuatorianos, colombianos, bolivianos e peruanos; entre os segundos predominan os marroquís; e entre os terceiros, os máis numerosos son agora os romaneses, seguidos de británicos, búlgaros, alemáns e italianos. Tamén existe un importante colectivo de chineses.
Sen embargo, desde o 2010 a inmigración freouse como consecuencia da crise económica. A falta de emprego provocou que viñesen menos estranxeiros e que moitos inmigrantes regresasen aos seus países de orixe. Polo mesmo motivo, aumentou a emigración de españois a outros países en busca de traballo. Como resultado, o saldo migratorio en España foi negativo en 2013 e responsable da perda de poboación no noso país. Malia a isto, parece intuírse un novo cambio de tendencia, pois os últimos datos dispoñibles marcan de novo un saldo migratorio positivo de algo máis de 50.000 persoas, aínda que entre os españois a emigración segue a dominar sobre os retornos.