Desenvolvemento Sostible e Desigualdade Económica
Produciuse unha ruptura entre os países do OCDE e os DTC. Os países ricos, debido á súa alta industrialización, están preocupados polos problemas do medio ambiente (MA), mentres que os países pobres queren un maior desenvolvemento económico para mellorar a vida dos seus cidadáns. Os países industrializados pretenden frear o desenvolvemento económico e establécense restricións para evitar danos no contorno. Os países da DTC queren un nivel de vida semellante aos da OCDE, e isto só é posible cun desenvolvemento semellante a este, aínda que sexa a custo do MA.
Problemas do Desenvolvemento Económico
- Perpetúa a desigual repartición da riqueza.
- Non detén os problemas do MA se os países da DTC seguen o camiño dos países industrializados.
Desenvolvemento Sostible
Desenvolvemento sostible: Equilibra o desenvolvemento económico co respecto ao MA. Trata de garantir calidade de vida a todos os habitantes do planeta ao tempo que conserva o MA para que as vindeiras xeracións poidan disfrutar del. Definición: modelo de actividade económica que satisface as necesidades das xeracións actuais sen afectar á capacidade das xeracións futuras para satisfacer as súas propias necesidades. A sostibilidade debe lograrse en 3 niveis:
- Sostibilidade ecolóxica: auga e aire limpos, conservación do solo e dos recursos naturais.
- Sostibilidade económica: respectuosa co MA, con actividades laborais con salarios xustos.
- Sostibilidade social: calidade de vida adecuada, sanidade e educación universal.
Principios para Acadar o Desenvolvemento Sostible
- Principio de recolección sostible: os recursos potencialmente renovables deben ter unha taxa de consumo igual ou menor que a taxa de renovación.
- Principio de baleirado sostible: a taxa de consumo dos recursos non renovables debe ser igual ou menor á taxa de creación de recursos renovables que poidan substituílos.
- Principio de emisión sostible: a taxa de emisión de contaminantes debe ser inferior á capacidade de asimilación ou reciclado natural dos mesmos levados a cabo polo MA.
- Principio de elección sostible de tecnoloxías: prioridade absoluta para tecnoloxías limpas e eficaces; a tecnoloxía debe posibilitar a substitución de recursos non renovables por recursos renovables.
- Principio de irreversibilidade cero: redución a cero dos impactos ambientais irreversibles co contorno.
- Principio de desenvolvemento equitativo: solidariedade interxeracional: preservar o MA para xeracións futuras; solidariedade intraxeracional: fomentar a mellora da calidade de vida dos habitantes do planeta.