Desafíos e retos da industria española actual
Os desafíos da industria española
Os novos retos veñen determinados pola economía global e as consecuencias do ingreso na UE, que nos obrigan a competir en calidade e produtividade. Este reto pon de manifesto os problemas estruturais da industria española.
O tamaño das empresas
O primeiro problema é o tamaño das empresas. Predominan as PEMES con menos de 250 traballadores (95% das empresas e xeran o 67% do emprego), das cales o 80% teñen menos de 20 traballadores e escasos recursos, o que supón unha dificultade para a incorporación de innovacións. A cambio, as PEMES presentan unha gran flexibilidade para adaptarse a un mercado cambiante e desenvolver series curtas e moi diversificadas de produtos que seguen o gusto dos consumidores (economías de gama1).
Estas PEMES teñen que competir coas grandes empresas, que son o resultado de procesos de fusións e compras, que utilizan o sistema de empresas multiplanta que realizan cada tarefa do proceso produtivo nun establecemento diferente, ou ben con subcontratas. Nestas empresas, os traballadores coa maior cualificación traballan nas sedes centrais e nos procesos previos e posteriores á produción (I+D, deseño, xestión, marketing, mercadotecnia...), quedando relegados os operarios manuais a tarefas máis simples e mecanizadas nas empresas subsidiarias.
A este grupo pertencen as multinacionais estranxeiras, que dominan os sectores máis dinámicos, xunto ás que cabe mencionar un número cada vez maior de multinacionais españolas que operan en Hispanoamérica e Europa.
A implantación de novas tecnoloxías
O segundo desafío é a implantación de novas tecnoloxías nesta fase posfordista2, que revolucionaron os sistemas de produción. A produtividade da industria española é inferior á europea. Un dos recursos para mellorala é a innovación tecnolóxica, que permite reducir a man de obra e automatizar algúns procesos produtivos grazas a robots; controlar as diferentes plantas desde calquera lugar do mundo e axustar a produción á evolución da demanda.
Pero isto obriga a incrementar os investimentos en I+D. Mentres que os países máis desenvolvidos de Europa invisten en torno ao 3% do PIB neste capítulo, España pechou 2010 cun investimento do 1,35%. O descenso foi maior no gasto público que no realizado polas empresas como consecuencia da actual crise económica. Desta forma resulta difícil un cambio no modelo produtivo nos próximos anos e as empresas españolas teñen que seguir dependendo de patentes estranxeiras, o que provoca unha balanza tecnolóxica deficitaria.