Demografía: Conceptos clave e indicadores
Demografía: Conceptos clave
Poboación activa
Conxunto de persoas que están en idade de traballar (entre 16 e 65 anos), tanto se están traballando (poboación activa ocupada) como se teñen intención manifesta de facelo (poboación activa desocupada ou parada, ben porque quedaron sen traballo ou ben porque están buscando o seu primeiro emprego).
Esperanza de vida
Índice demográfico que expresa o número de anos que se espera que viva unha persoa que nace nun determinado lugar. Varía segundo o sexo e o grao de desenvolvemento da zona. Actualmente, nos países desenvolvidos, pode superar os 80 anos, mentres que nos non desenvolvidos oscila en torno aos 40-45 anos. A fórmula para calculala é sumando os anos vividos por cada individuo e dividindo polo número total de individuos dunha poboación.
Réxime demográfico
Situación demográfica ao longo da cal a natalidade, a mortalidade e o crecemento vexetativo dunha poboación mostran unhas tendencias homoxéneas. Os réximes poden ser: réxime demográfico antigo, réxime demográfico de transición e réxime demográfico moderno ou actual.
Censo de poboación
Fonte demográfica que fai un reconto individualizado da poboación dun país nun momento determinado. Recolle datos como o número de habitantes, nacementos, defuncións, sexo, idade, estado civil, lugar de nacemento, que permiten coñecer a situación demográfica, cultural, social e económica da poboación. En España faise cada dez anos (desde 1981 nos anos acabados en 1). O primeiro censo oficial elaborouse en 1857. Desde 1998 o INE, encargado de elaborar as estatísticas demográficas españolas, actualízao cada 1 de xaneiro.
Saldo migratorio
Diferenza entre o número de inmigrantes e o de emigrantes. O saldo será positivo se os inmigrantes superan os emigrantes. En caso contrario, será negativo.
Taxa de fecundidade
Mostra a relación entre o número de nacementos e o número de mulleres en idade de procrear (15-49 anos) por cada mil habitantes. Exprésase en tanto por mil.
Transición demográfica
Nome que recibe a segunda etapa da evolución da poboación. Caracterízase polo paso do réxime demográfico antigo (altas taxas de natalidade e mortalidade) ao réxime demográfico actual, no que as taxas presentan porcentaxes moi baixas. Dentro desta etapa pódense diferenciar dúas fases: na primeira fase descende a mortalidade, mentres que a natalidade permanece alta, polo que o crecemento vexetativo é elevado; na segunda fase descende a natalidade e a mortalidade segue descendendo, pero de forma máis lenta, polo que o crecemento vexetativo se reduce. En España, a transición demográfica ten lugar entre 1900 e 1975, moito máis tarde que noutros países de Europa Occidental.
Padrón municipal
Fonte demográfica que contén a relación dos habitantes dun termo municipal con algunhas das súas características. Facíase cada cinco anos, pero o novo sistema de xestión continua e informatizada dos padróns, establecido en 1998 e coordinado polo INE, permite actualizalos o 1 de xaneiro de cada ano.