Demografía: Conceptos Básicos e Indicadores
Censo de Poboación
O censo de poboación é unha recompilación de datos relativos ao número de individuos que compoñen unha determinada poboación e ás súas principais características. Trátanse de datos de carácter variado (demográficos, socioeconómicos, socioculturais, etc.) recollidos de xeito individual, entre todos os individuos que compoñen unha poboación, referidos a un momento dado (momento censual).
Padrón Municipal
O padrón municipal é a relación dos habitantes dun concello onde figura como información básica o nome, apelidos e domicilio destes. Vai acompañado dunha serie de datos particulares de cada habitante: sexo, data e lugar de nacemento, nivel de instrución, estado civil, profesión, parentesco ou relación co cabeza de familia, e o tempo de residencia no concello. É un documento público que está sometido a unha permanente actualización e que en España se elabora cada 5 anos.
Réxime Demográfico
O réxime demográfico é o comportamento do movemento natural da poboación ao longo dunha serie de anos nos que a natalidade, a mortalidade e o crecemento vexetativo presentan trazos homoxéneos. Distínguense tres etapas ou réximes:
- Réxime demográfico antigo
- Transición demográfica
- Réxime demográfico moderno
Saldo Migratorio
O saldo migratorio é a diferenza entre o número de emigrantes e de inmigrantes dun país.
Esperanza de Vida
A esperanza de vida é o cálculo do número de anos que un individuo pode esperar vivir, ben no momento de nacer ou cando acada unha determinada idade, sempre que os niveis de mortalidade permanezan constantes. Obtense a partir das táboas de mortalidade. A media mundial de esperanza de vida está en torno aos 60 anos, pero hai grandes diferenzas segundo os países, sexan desenvolvidos ou non. A esperanza de vida ao nacer en Galicia e en España é superior aos 70 anos. En xeral, é uns anos superior para as mulleres que para os homes.
Poboación Activa
A poboación activa é aquel sector da poboación que se atopa en idade apta para traballar. Se está empregada denomínase poboación activa ocupada; se está en paro, poboación activa desempregada.
Taxa de Fecundidade
A fecundidade é o termo que designa a reprodución efectiva. A taxa de fecundidade xeral pon en relación o número de nacidos vivos co número de mulleres en idade de procrear, isto é, entre 15 e 45 anos.
Transición Demográfica
A transición demográfica é un modelo que naceu en 1930 como unha descrición dos cambios demográficos acaecidos ao longo do tempo nos países desenvolvidos. A transición demográfica prodúcese dende unha situación de altas taxas de natalidade e mortalidade (réxime demográfico antigo) a outra caracterizada por un descenso de ditas taxas que permite un crecemento inusitado da poboación, sobre todo debido ao forte descenso das taxas de mortalidade.