A Crise da Restauración e a Segunda República en España
Crise do Estado liberal: o reinado de Afonso XIII
O mantemento da alternancia de partidos (1902-1917)
O sistema alternativo mantívose entre 1902 e 1917 baixo dous novos líderes: Antonio Maura, á fronte do Partido Conservador, e José Canalejas, á fronte do Partido Liberal. Ambos levaron a cabo unha política rexeneracionista que intentou rematar co caciquismo e implantar certas melloras sociais.
A Semana Tráxica de Barcelona (1909)
Foi o problema interno máis destacado do período e estivo motivada polo intento de España de crear un protectorado en Marrocos. Consistiu nunha folga e violentos disturbios en Barcelona, causados pola mobilización de reservistas para acudir á guerra con Marrocos. A violenta represión da folga polo goberno conservador de Maura provocou a ruptura do pacto de alternancia cos liberais e a dimisión de Maura.
A descomposición do sistema da Restauración
A crise de 1917
- Crise militar: orixinouse ao reclamar o exército a suba de salarios e o ascenso por antigüidade, e non por méritos de guerra.
- Crise política: debeuse a unha asemblea de parlamentarios cataláns, que reclamou unha nova constitución e a creación dun Estado descentralizado, con autonomías.
- Crise social: desencadeouse pola convocatoria dunha folga xeral. Os partidos e sindicatos de esquerda pretendían protestar pola subida de prezos, que empobrecía as clases populares, e derrocar o goberno. A folga foi duramente reprimida, o que intensificou a deterioración política.
O agravamento dos problemas entre 1919 e 1923
Sucedéronse os gobernos de concentración, que apenas duraban no poder; aumentou a conflitividade social, pois a crise económica producida tras a Primeira Guerra Mundial motivou o violento enfrontamento entre patróns e obreiros e numerosas folgas; e ocorreu o Desastre de Annual na guerra de Marrocos (1921). Neste contexto de crise, o xeneral Primo de Rivera deu un golpe de Estado en 1923. Remataba así o sistema da Restauración e impoñíase unha ditadura.
Ditadura de Primo de Rivera (1923-1930)
Primeira fase: Directorio Militar (1923-1925)
Nesta primeira etapa, o goberno estivo nas mans dun directorio militar. Este suspendeu a Constitución de 1876, disolveu as Cortes, prohibiu os partidos políticos, reprimiu o movemento obreiro e o nacionalismo, e derrotou os marroquís tras o desembarco de Alhucemas (1925).
Segunda fase: Directorio Civil (1925-1930)
Primo de Rivera formou un directorio civil. Fomentouse a agricultura de regadío e a industria, e impulsouse a construción de estradas e a mellora dos ferrocarrís. Ante a repercusión da crise económica de 1929, o aumento do paro, o rexurdimento do movemento obreiro e dos nacionalismos, e a oposición dos intelectuais, Primo de Rivera dimitiu en 1930.
Porén, o desprestixio da monarquía polo seu apoio á ditadura fixo que nas eleccións municipais que tiveron lugar en abril de 1931 triunfasen os republicanos nas grandes cidades. Nestas circunstancias, Afonso XIII decidiu abandonar o país.
A Segunda República (1931-1936)
O Goberno provisional e a Constitución de 1931
Tras o exilio de Afonso XIII, en 1931, proclamouse a República. Un goberno provisional formado por republicanos, socialistas e nacionalistas convocou eleccións a Cortes constituíntes, que lles deron a maioría aos partidos de esquerda.
A Constitución de 1931 establecía unha ampla declaración de dereitos, a soberanía popular, a división de poderes, o sufraxio universal (masculino e feminino), a garantía de autonomía para as rexións e a separación entre a Igrexa e o Estado. Tras a súa aprobación, Niceto Alcalá-Zamora foi elixido presidente da República.
O bienio reformista (1931-1933)
O goberno presidido por Manuel Azaña e formado por unha coalición de republicanos e socialistas levou a cabo unha política de reformas:
- A reforma do Estado: pretendía acabar co centralismo. Cataluña conseguiu a aprobación dun estatuto de autonomía (1932) e dun parlamento e un goberno propio, a Generalitat. O País Vasco, Galicia e Andalucía elaboraron tamén proxectos de estatutos de autonomía, mais non chegaron a aprobarse.
- A reforma social: pretendeu mellorar as condicións laborais dos obreiros. Para iso, estableceuse a xornada de 40 horas semanais, a suba de salarios e a creación de seguros.
- A reforma agraria: tiña como obxectivo conseguir unha distribución máis xusta da propiedade da terra. A Lei de bases da reforma agraria (1932) aprobou a expropiación con indemnización dos latifundios mal explotados e o asentamento neles de campesiños. Porén, a súa lentitude desgustou o campesiñado, que procedeu en moitos casos á ocupación violenta e ilegal de terras.