A crise da Restauración en España (1914-1923)

Historia3,22 KB

1. O impacto da Primeira Guerra Mundial

O goberno de Eduardo Dato declarou a neutralidade, que foi apoiada por todos os partidos. Esta postura adoptouse a causa do illamento diplomático, a debilidade económica e a incapacidade militar de España. As forzas políticas, a pesar da neutralidade, dividíronse en dous bandos: aliadófilos e xermanófilos.

A neutralidade favoreceu unha espectacular expansión da economía. Non obstante, mentres a burguesía industrial e financeira se enriqueceu con beneficios extraordinarios da guerra, as clases traballadoras sufriron un forte descenso do seu nivel de vida pola escaseza e pola subida dos prezos dos produtos de primeira necesidade. Esta situación agravou as diferenzas entre as clases sociais da época e provocou unha grande axitación social e o auxe do movemento obreiro, intensificando o número de folgas.

2. A crise de 1917

A crise militar: Xuntas de Defensa

Pretendeuse modernizar o exército mediante unha redución do excesivo número de oficiais, con salarios que absorbían unha gran parte do orzamento. O descontento provocou a formación de Xuntas de Defensa que se estenderon a todo o exército.

A crise política: a Asemblea de Parlamentarios

A linguaxe rexeneracionista das Xuntas foi interpretada por diversos e heteroxéneos grupos da oposición como un sinal da creba do réxime e a oportunidade para unha reforma. A Asemblea acordou:

  • A formación dun goberno provisional.
  • A celebración de Cortes constituíntes que reformasen a Constitución en sentido descentralizado.
  • A aprobación da autonomía para Cataluña.

A crise social: folga xeral de agosto

O exército cumpriu a orde de disparar contra os obreiros, provocando o colapso do sistema liberal.

3. A conflitividade social

En Andalucía, os campesiños que se rebelaron contra o sistema de propiedade latifundista intensificaron as súas mobilizacións, dando paso a un movemento obreiro dirixido pola UGT e a CNT.

Pero o movemento culminante da conflitividade social alcanzouse en Barcelona en 1919 coa folga da Canadiense. Deixou case paralizada a cidade e a produción, sendo a folga máis importante da historia sindical española. Entre 1918 e 1923 houbo máis de 800 atentados.

4. O desastre de Annual e o final do sistema

Foi en Marrocos onde se produciu a crise máis grave. O goberno estaba decidido a someter a súa zona de protectorado, pero o xefe dos habitantes do Rif derrotou as tropas españolas en Annual. Perdeuse toda a zona.

A traxedia tivo graves consecuencias políticas e foi unha das causas do final do réxime parlamentario. A esixencia de responsabilidades forzou o goberno a nomear unha comisión para delimitar as culpabilidades militares. O envío do Expediente Picasso ás Cortes abriu tamén o debate das responsabilidades políticas. O goberno de concentración liberal de García Prieto aceptou a formación dunha comisión de responsabilidades políticas. Poucos días despois de que o informe chegase ás Cortes, un golpe de Estado impoñía unha ditadura como «solución» á crise do réxime.

Descargar

PDF Word HTML