Coordinación hormonal: glándulas e hormonas
Coordinación hormonal
As glándulas son órganos formados por células especializadas en fabricar e segregar substancias.
Clasificación das glándulas
- Endócrinas: como a hipófise ou a tiroide, fabrican as hormonas que depositan no sangue.
- Exócrinas: como as sudoríparas, as salivares ou o fígado, verten a súa secreción ao exterior do organismo ou ao tubo dixestivo. Non forman parte do sistema endócrino.
- Glándulas mixtas: producen hormonas e outras substancias.
O sistema endócrino ou hormonal está constituído polo conxunto de glándulas que segregan hormonas no sangue.
Principais glándulas e hormonas
- Hipófise: hormona do crecemento (somatótropa), que estimula o crecemento do noso organismo.
- Tiroide: tiroxina, que estimula a actividade química da célula.
- Suprarrenais: adrenalina, que estimula o ritmo cardíaco e respiratorio.
- Páncreas: insulina, que estimula procesos que diminúen a cantidade de glicosa no sangue.
- Testículos: testosterona, que regula a función dos órganos sexuais masculinos.
- Ovarios: progesterona e estradiol, que regulan o desenvolvemento e as funcións dos órganos sexuais femininos e preparan o organismo para un posible embarazo.
Hormonas, mensaxeiras químicas
As hormonas son mensaxeiras químicas de natureza lipídica ou proteica que, transportadas polo sangue, regulan determinadas funcións no organismo.
Características
- Son específicas: cada hormona actúa sobre determinadas células diana, programadas para responder ante a súa presenza.
- Son moi eficaces: unha mínima cantidade de hormona é suficiente para que cumpra a súa función.
- A súa produción está controlada: o exceso ou o déficit na cantidade dunha hormona produce enfermidades.
Exemplo de acción hormonal: control do azucre no sangue
A cantidade de glicosa no sangue está controlada por dúas hormonas segregadas polo páncreas: a insulina e o glicagón. A insulina estimula os procesos que diminúen a cantidade de glicosa no sangue, mentres que o glicagón activa a liberación de glicosa no sangue.
Mecanismo de control
- O sangue cargado de glicosa atravesa o páncreas e estimula a secreción de insulina.
- A insulina é transportada e repartida por todo o organismo, actúa sobre determinados órganos e estimula o almacenamento de glicosa no fígado e nos músculos.
- Cando o nivel de glicosa é baixo, o páncreas produce glicagón, que estimula a liberación de glicosa desde os órganos onde se almacenou.