A Constitución de 1837 e o Réxime Progresista (1836-1843)
O Réxime Progresista (1836-1843)
En 1836 accederon ao Goberno os progresistas, os cales restauraron a Constitución de 1812 e as leis do Trienio Liberal. Convocaron Cortes para establecer as novas bases do sistema político, onde se creou unha nova Constitución baixo a que gobernaron tanto moderados coma progresistas.
A Constitución de 1837
Foi elaborada co obxectivo básico de garantir a estabilidade política e a alternancia no poder de progresistas e moderados. Esta Constitución adoptaba os principios do liberalismo doutrinario:
- Soberanía compartida entre o rei e a nación.
- O rei exercía o poder executivo, nomeaba e separaba libremente os seus ministros, compartía coas Cortes o lexislativo, sancionaba ou vetaba as leis e convocaba, suspendía e disolvía as Cortes.
- Cortes bicamerais formadas por Congreso e Senado (colexisladores). Os deputados eran elixidos por sufraxio censatario directo. Os senadores eran elixidos polo rei.
- Elección popular dos Concellos e dos seus alcaldes.
- Restablecemento da Milicia Nacional.
- Declaración explícita de dereitos e liberdades individuais.
- Certa tolerancia relixiosa: o Estado non se declaraba explicitamente confesional, pero comprometíase ao mantemento do culto católico.
A Rexencia de María Cristina de Borbón (Fin)
Nos inicios da rexencia gobernaron os progresistas, pero a predilección da raíña polos moderados fixo que fosen desprazados do poder.
A Rexencia de Espartero (1840–1843)
Espartero converteuse en rexente, pero o seu autoritarismo provocou a oposición dos moderados, de fraccións dos progresistas e das masas populares.
Medidas de Espartero e o problema foral
Entre as medidas adoptadas por Espartero destaca o intento de resolución do problema foral vasco e navarro polo Convenio de Vergara.
- En 1841, a Lei Paccionada recoñeceu a Navarra o dereito a conservar parte das súas institucións e particularidades forais a cambio da aceptación do réxime común administrativo e electoral e o pago dun cupo económico.
- No caso vasco, suprimiu os privilexios forais.
Fin da Rexencia e Maioría de Idade de Isabel II
Tras a caída de Espartero, as primeiras medidas foron a disolución da Milicia Nacional, a renovación dos mandos militares e o adianto da maioría de idade de Isabel II, quen comezou a reinar en novembro de 1843.