A Consolidación do Poder Real na Monarquía Hispánica

Historia2,22 KB

A Articulación da Nova Monarquía

A Consolidación do Poder Real

O reinado dos Reis Católicos significou a imposición do modelo de monarquía autoritaria, sobre todo en Castela. Isabel e Fernando propuxeron impoñer a autoridade do rei por riba de calquera outro poder. Na Coroa de Aragón as institucións medievais seguiron vixentes, pero instituíuse a figura do vicerrei e instaurouse a insaculación para a elección de cargos municipais, co obxectivo de evitar que a oligarquía urbana monopolizase o goberno das cidades. En Castela, a monarquía conseguiu impoñer o seu poder e levar a cabo unha fonda reforma das institucións.

A Monarquía Autoritaria en Castela

Cando Isabel subiu ao trono de Castela, existía unha situación de anarquía e desorde. No campo proliferaban os bandidos, nas cidades distintos bandos disputaban o poder e os nobres resolvían as súas diferenzas. Para poñer fin a esta situación, creouse a Santa Irmandade, encargada de perseguir malfeitores e criminais. As Cortes mantiveron o seu carácter consultivo, pero a influencia dos nobres diminuíu coa creación dun sistema de Consellos, formados por xuristas escollidos e pagados polo rei. Tamén se creou un exército profesional e permanente. Para asegurar o control sobre a xustiza, os monarcas crearon a Real Audiencia. Para financiar as novas institucións, instituíuse a Contaduría Real de Facenda. Para exercer un control máis directo, xeneralizouse o nomeamento de corrixidores, funcionarios reais que presidían os concellos e exercían funcións gobernativas.

A Uniformidade Relixiosa

A uniformidade relixiosa converteuse nun obxectivo dos Reis Católicos. Instouse aos xudeus a converterse e os que non o fixeron foron perseguidos e expulsados de España en 1492. Logo da conquista de Granada, garantíuselles aos musulmáns o mantemento da súa relixión e dos seus costumes. O cardeal Cisneros puxo fin á tolerancia e impulsou bautismos obrigatorios, o que deu lugar á aparición de mouriscos. Para controlar o mantemento da ortodoxia católica e vixiar os conversos, os Reis Católicos instituíron de novo o Tribunal da Inquisición, que se converteu no principal instrumento para conseguir a unidade relixiosa.

Descargar

PDF Word HTML