O conflito lingüístico e a diglosia: conceptos clave

Lingua e literatura2,42 KB

As funcións sociais da lingua

Os individuos viven en sociedade, motivo polo que se ven na necesidade de comunicarse. Esa comunicación faise por medio dunha lingua; por iso se di que a lingua ten unha función social.

Conflito e diglosia

Cando dúas linguas coexisten nun mesmo territorio nun contexto de desequilibrio e tensión entre elas (lingua dominante fronte a lingua minorizada), estamos ante unha situación de conflito lingüístico. Esta situación de desigualdade denomínase diglosia.

A diglosia é a conduta caracterizada por facer un uso desigual de dúas linguas:

  • Lingua A: Acapara todo tipo de funcións: as formais e de máis prestixio (laboral, institucional, cultural e internacional) e as informais.
  • Lingua B: Utilizada só en relacións cotiás e informais (función local e familiar).

A diglosia é unha das consecuencias directas do conflito lingüístico, xunto coas interferencias entre as dúas linguas, os prexuízos negativos cara á lingua minorizada ou a deslealdade respecto da lingua desfavorecida.

Substitución e normalización lingüística

A consecuencia última do conflito lingüístico é a desaparición da lingua minorizada. A tendencia a longo prazo en todas as sociedades con dúas linguas é o monolingüismo en favor dunha delas, xeralmente a lingua dominante, a través dun proceso de substitución lingüística.

A posibilidade máis favorable para a lingua minorizada recibe o nome de normalización lingüística: proceso mediante o cal a lingua desfavorecida vai ocupando todos os espazos que lle eran propios ata a súa total normalización na comunidade lingüística.

Estereotipos e prexuízos lingüísticos

Un dos moitos obstáculos no camiño da normalización é a vixencia de determinados estereotipos e prexuízos lingüísticos que pretenden transmitir a idea de que a lingua minorizada (o galego, no noso caso) non é tan válida para o desenvolvemento como a hexemónica:

  • É propia do mundo rural.
  • Non serve para falar das ciencias.
  • Non serve fóra do territorio.
  • O galego normativo é “inventado”.
  • Só o falan os de esquerdas.

Tamén hai quen supón que se pode dar un bilingüismo harmónico entre as dúas linguas.

Descargar

PDF Word HTML