Conflito Lingüístico: Conceptos Clave e Procesos
Conflito Lingüístico: Definición e Impacto
O concepto de conflito lingüístico defínese como a tensión que se produce entre dúas linguas no interior dun territorio por asumir un maior número de funcións sociais e de falantes. O conflito lingüístico dentro dunha comunidade leva sempre a un desequilibrio entre as linguas involucradas.
A Diglosia: Xerarquía e Usos Lingüísticos
A diglosia prodúcese cando dentro dunha unidade territorial coexisten dúas linguas (unha propia e outra foránea), que posúen unha distribución xerárquica das súas funcións: hai unha lingua A, de usos formais e prestixiados, e unha lingua B, de usos informais e menos prestixiados.
Tipos de Diglosia
- Diglosia social: o uso da lingua A ou B depende do grupo social ao que pertence o falante.
- Diglosia funcional: o uso da lingua A ou B depende da situación comunicativa.
Procesos Sociolingüísticos Clave
A Substitución Lingüística
Proceso que consiste no abandono da lingua propia da comunidade e a asimilación á lingua dominante. Este proceso ten tres fases:
- Implantación: dunha lingua foránea nun territorio con lingua propia.
- Bilingüismo social: uso diglósico da lingua propia e da lingua foránea, tendo esta segunda os usos máis prestixiosos e importantes.
- Abandono total: do uso da lingua propia e completa asimilación á lingua de fóra.
A Normalización Lingüística
Proceso que consiste na recuperación de usos e funcións sociais para unha lingua que está nunha situación de subordinación. Normalizar consiste en definir e aplicar un conxunto de medidas de tipo político, xurídico, social e lingüístico que teñen como finalidade a restitución da lingua en todos os ámbitos, para que teña un desenvolvemento normal como vehículo de comunicación dentro da súa propia comunidade de falantes.
Lingua Minorizada vs. Lingua Minoritaria
O feito de que unha lingua perda certos usos e funcións sociais por mor doutra lingua (conflito lingüístico) convértea nunha lingua minorizada, concepto que debe distinguirse do de lingua minoritaria.
- Lingua minoritaria: aquela que conta cun menor número de falantes respecto da outra lingua presente no territorio.
- Lingua minorizada: aquela á que se lle negan as condicións para poder desenvolverse con plena normalidade dentro da súa propia comunidade.