Conceptos Clave sobre Urbanización e Demografía en Galego

Xeografía18,14 KB

Urbanización: Proceso polo cal se dá unha progresiva concentración da poboación nas cidades, así como tamén das actividades económicas e de innovación características dos núcleos urbanos e a difusión disto ó contorno. Normalmente, este proceso consta de tres etapas: preindustrial, industrial e postindustrial.

Área periurbana: Espazo localizado na periferia das cidades, de transición ó campo, no que se mesturan formas de vida propias do campo con outras funcións claramente urbanas e características do proceso de rururbanización: residencial, de ocupación industrial (parques tecnolóxicos e polígonos), grandes superficies comerciais, recreativas e de servizos, grandes vías de comunicación, etc.

Función urbana: Conxunto de bens e servizos (actividades socioeconómicas) que unha cidade ofrece aos habitantes da zona de influencia ou hinterland. Estas funcións poden ser turísticas, industriais, de servizos, comerciais, etc., e serán maiores canto maior sexa o grao de especialización, o tamaño da cidade e a posición xerárquica da cidade.

Área de influencia: Tamén chamada hinterland. Trátase do espazo máis ou menos extenso que é abastecido de bens e servizos por un lugar central (cidade).

Metrópole: É a cidade que se atopa no cumio da xerarquía do sistema urbano. A súa poboación e tamaño son grandes (máis de 250.000 habitantes); as funcións que desempeña son moi especializadas e a área de influencia é extensa.

Conurbación: É un área urbana continua formada polo crecemento paralelo de dúas ou máis cidades ata unirse, mantendo, sen embargo, a súa independencia.

Área metropolitana: Gran extensión urbana que rodea a unha cidade importante e abrangue administrativamente a varios municipios, entre os que existen importantes relacións económicas e sociais.

Solo urbano: Parte do territorio dun municipio incluída no PXOU onde se pode urbanizar.

Solo urbanizable: É a parte do territorio dun municipio incluída no PXOU na que está previsto proximamente o seu paso a solo urbano, onde se pode construir (usos residenciais ou de equipamentos), permitindo deste xeito o crecemento racional e ordeado da cidade.

Solo rural: Chamado tamén solo rústico. É a parte do municipio incluída no PXOU de protección agropecuaria ou forestal.

Rede urbana: Sistema de cidades sobre o espazo que está formado por elementos físicos (as cidades) e por elementos non visibles (relacións que se establecen entre as cidades). Pode ser equilibrada (rangos decrecientes sen grandes brusquedades), concentrada nun territorio do país ou espallada, etc.

Xerarquía urbana: Rango que se establece no sistema de cidades dun territorio e que depende basicamente do tamaño das cidades, das funcións que realizan as mesmas e da maior ou menor área de influencia que teñan sobre un territorio.

Plano urbano: Representación, normalmente a escala, da superficie dunha cidade que abrangue o conxunto das superficies construídas (edificacións) e libres (xardíns, prazas…).

Plano ortogonal: Tipo de plano urbano chamado tamén en cuadrícula, onde as rúas presentan unha disposición rectilínea, cortándose as rúas de xeito horizontal e vertical en ángulo recto. É característico do ensanche.

Plano radiocéntrico: Tipo de plano urbano onde, a partir dun punto central (normalmente unha praza), parten as rúas, de forma máis ou menos regular, en disposición a xeito de radios e cortadas por outras en forma de aneis arredor do centro.

Cidade histórica: É aquela cidade de orixe antiga (romana, medieval, idade moderna…) que conserva boa parte do seu patrimonio histórico-artístico, sendo as actividades turísticas e de servizos a súa principal atracción. No plano da cidade poden advertirse diversos trazados e aspectos morfolóxicos das diferentes épocas e fases da súa evolución.

CBD: Central Business District. Área da cidade onde se concentran as actividades comerciais, de negocios, sé dos grandes bancos e actividades profesionais. Normalmente, atópase no centro da cidade, a zona máis cara.

Ensanche: Espazos creados nas cidades entre finais do XIX e principios do XX que dan resposta ó crecemento das cidades orixinado, maiormente, pola industrialización. Plasma as ideas burguesas (clase social protagonista desta parte da cidade) de hixiene (sumidoiros), amplitude (pouca densificación, inicialmente) e racionalidade (plano ortogonal). Actualmente, dominan as actividades terciarias e coinciden co CBD das cidades. En España destaca o de Ildefonso Cerdá en Barcelona e Carlos Mª de Castro en Madrid.

Cidade xardín: Modelo teórico de cidade deseñada por E. Howard que concede especial importancia ó contacto coa natureza (valoración dos efectos positivos do sol e luz). As vivendas tenden a ser unifamiliares e acompañadas de espazos libres e hortas. En xeral, deron lugar a partes das cidades ou barrios concretos.

Cidade dormitorio: Parte da cidade situada na periferia e xurdida no século XX, onde abondan os bloques de vivendas homoxéneos e onde gran parte da súa poboación vai traballar fóra e só pernocta alí. A función que desempeña é residencial. Aplícaselle tamén ás cidades en xeral onde predominan estas funcións.

Arrabal: Parte da cidade anexa ó núcleo principal, normalmente fóra das murallas nas súas orixes. Normalmente, emprégase como sinónimo de barrio, pero coa connotación de marxinalidade.

PXOU: Plan Xeral de Ordenación Urbana. Instrumento básico para a ordenación urbanística integral dun municipio. Proxecta o desenvolvemento urbanístico para certo número de anos, clasificando o solo en urbanizable ou non urbanizable, establecendo alturas permitidas, equipamentos necesarios, etc. É un documento municipal, pero que debe ser aprobado polas CC.AA.


Censo de Poboación: Unha das fontes demográficas que fai un reconto individualizado da poboación dun país. En España faise nos anos acabados en 1.

Padrón Municipal: Unha das fontes demográficas que recollen a cantidade de poboación que vive nun municipio. Recolle datos demográficos, sociais e económicos. Actualízase cada ano e os seus datos ás veces non coinciden cos do censo.

Nomenclátor: Fonte demográfica que recolle nun listado todas as unidades de poboación inferiores ó municipio.

Densidade de poboación: Indicador demográfico que relaciona o número de persoas que viven nunha superficie expresada en habitantes/quilómetros cadrados.

Transición Demográfica: Un dos tres grandes rexímenes demográficos que serve de paso entre o réxime demográfico antigo e o actual. Consiste na caída brusca e constante da mortalidade, acompañada dunha leve baixa da natalidade. A consecuencia manifesta é o gran crecemento vexetativo da poboación. En España, aconteceu, a grandes rasgos, entre 1900 e 1975.

Taxa de Natalidade: Indicador demográfico que representa o cociente entre o número anual de nacementos e a poboación total dese periodo por cada mil habitantes.

Taxa de Mortalidade: Indicador demográfico que representa o cociente entre o número anual de defuncións e a poboación total dese periodo por cada mil habitantes.

Taxa de Mortalidade Infantil: Indicador demográfico que representa o número de fillos falecidos antes de cumprir un ano por cada 1000 en relación ós nacidos vivos.

Taxa de Fecundidade: Indicador demográfico que recolle o número de nacidos vivos por cada 1000 mulleres en idade fértil (15-49 anos).

Crecemento Vexetativo: Indicador demográfico, chamado tamén crecemento natural, que indica o resultado de restar a taxa de natalidade menos a de mortalidade dunha poboación e exprésase en tantos por cento ou en tantos por mil.

Réxime Demográfico: Diversas etapas na historia demográfica dunha poboación onde se dan uns valores semellantes en canto á natalidade, mortalidade e crecemento natural. Na maioría dos países, eses rexímenes demográficos (incluído España) foron o antigo, o de transición e o moderno.

Emigración: Movemento de poboación no espazo de carácter duradeiro que implica o desprazamento dun lugar de orixe a outro (normalmente por motivos económicos).

Inmigración: Movemento de poboación no espazo de carácter duradeiro que implica a recepción de xente procedente doutros lugares (a motivación é, na gran parte dos casos, económica).

Éxodo Rural: Fenómeno demográfico migratorio producido no interior dun país que consistiu no desprazamento de poboación masivo do campo e zonas rurais ás cidades. En España, tivo lugar entre 1900 e 1975 e tivo fondas repercusións demográficas, económicas, sociais e ambientais.

Movemento Pendular: Tipo de movemento migratorio interior e dos tempos actuais que consiste no desprazamento de poboación entre o lugar de residencia e o de traballo ou estudo (cada vez máis afastados un dos outros nas grandes cidades polo fenómeno da rururbanización).

Saldo Migratorio: Indicador demográfico que reflicte a diferencia entre os inmigrantes dun país, rexión ou cidade e os emigrantes. Pode resultar positivo ou negativo e influír na dinámica demográfica tanto da poboación receptora como da saínte.

Crecemento Real: Indicador demográfico que lle suma ou resta ó crecemento vexetativo o saldo migratorio. Chámaselle polo tanto crecemento real porque ten en conta o movemento natural de poboación, pero tamén a diferencia entre inmigrantes e emigrantes.

Estructura Demográfica: Estudo dunha determinada poboación (país, rexión ou cidade) clasificándoa por sexo, idade, actividades económicas, distribución da riqueza…

Esperanza de Vida: Indicador demográfico que mide a duración media de vida dunha poboación nun momento determinado de tempo. Esta evoluciona positivamente en relación á hixiene, alimentación e desenvolvemento, e falta de guerras.

Taxa de Masculinidade: Indicador demográfico que calcula a porcentaxe de homes que hai nunha determinada poboación respecto ó número de mulleres (número de homes entre número de mulleres por cen). Pode facerse este cálculo sobre a poboación total ou sobre un grupo determinado de idade.

Índice de Envellecemento: Indicador demográfico que sinala a porcentaxe entre as persoas de máis de 65 anos con respecto ó total da poboación. Cando supera o 12%, dise que esa poboación está envellecida.

Pirámide de Poboación: Forma gráfica de representación do número de habitantes dun país, rexión ou cidade, agrupados por sexo e idades. Permite entender a dinámica de poboación desa comunidade humana e acceder aos datos demográficos básicos e aos sucesos que afectaron históricamente a esa poboación.

Poboación Activa: É o conxunto de persoas de 16 e máis anos que subministran man de obra para a producción de bens e servizos ou que están dispoñibles e fan xestións para se incorporar á dita poboación. Comprende tanto á poboación que traballa (activa ocupada) como á que busca traballo (activa desocupada).

Poboación Inactiva: É aquela que non ten traballo remunerado e inclúe pensionistas, rendeiros, estudantes e persoas que se adican ós labores do fogar.

Taxa de Actividade: É a porcentaxe de activos dunha poboación. O INE calcúlao de tres maneiras: relacionando os activos coa poboación total; ou ben coa poboación en idade activa (16 anos ou máis) ou ben coa poboación en idade de traballar (entre 16 e 65 anos).

Taxa de Paro: É a porcentaxe de poboación activa desocupada, respecto ó total da poboación activa (poboación activa desocupada entre poboación activa por cen).

Emplazamento: Lugar concreto onde se ubica unha cidade (a carón dun río, nun cruce de camiños, nun outeiro, etc.). Depende da finalidade do xurdimento da propia cidade e dálle unha personalidade única.

Situación: Localización dunha cidade nun espazo xeográfico máis amplo que o que define o emprazamento (unha conca fluvial, estribacións ou paso dun sistema montañoso, unha liña costeira, etc.). Tamén ten que ver coa función da cidade en relación co seu contorno, como o dominio político-militar ou económico.

Hábitat concentrado: Tipoloxía do poboamento rural que responde a un modelo que morfoloxicamente presenta as vivendas unhas xunto ás outras, independentemente da localización do agro, ben sexa a través dunha liña de comunicación como un río ou estrada (concentrado lineal) ou como agrupadas a partir dun núcleo (concentrado apiñado).

Hábitat disperso: Tipoloxía do poboamento rural que responde a un modelo que morfoloxicamente as casas rurais están rodeadas de campos de cultivo, bosques ou prados. Se non hai ningún tipo de poboamento agrupado, recibe o nome de disperso absoluto; se hai pequenas agrupacións, aínda que predomine a separación, recibe o nome de disperso intercalar.

Hábitat urbano: Tipo de asentamento humano de máis de 10.000 habitantes (en España) e que morfoloxicamente presenta vivendas elevadas en vertical, trama densa e onde predominan as actividades secundarias e terciarias, exercendo unha influencia nun área circundante.

Hábitat rural: Tipo de asentamento inferior a 10.000 habitantes (en España), considerándose propiamente rurais ós de menos de 2000 habitantes (entre 10.000 e 2000 serían semirurais). Neles hai un predominio das actividades primarias e pouca especialización e diversificación de bens e servizos.

Descargar

PDF Word HTML