Conceptos Clave da Historia de España: Séculos XIX e XX
Rexeneracionismo
Corrente intelectual que xorde en 1898 tras o «desastre do 98», ante a derrota na guerra cos Estados Unidos e a perda das últimas colonias, que agrava o esgotamento do sistema da Restauración Borbónica. O principal representante desta corrente foi Joaquín Costa. Dous dos seus lemas reflicten ben o ideario rexeneracionista: «oligarquía e caciquismo», denunciando os defectos do sistema da Restauración; e «escola e despensa», reivindicando a necesidade de renovación e rexeneración do sistema político e da sociedade española, xunto con reformas económicas.
Sistema de Quenda
A Quenda (ou turno) foi o modo de alternancia no poder característico da época da Restauración (1875-1898), entre os dous partidos dinásticos: o Partido Conservador de Cánovas e o Partido Liberal de Sagasta. Este sistema, ideado por Cánovas cunha grande influencia do modelo británico, permitía a estabilidade do sistema liberal da que careceu no período isabelino. Pero para evitar o recurso á violencia (pronunciamentos, motíns, revolucións...) e a intervención dos militares na política, tivo que basearse nun falseamento electoral constante, organizado desde o goberno («encasillado») co apoio local dos caciques.
Sufraxio Censatario e Universal
O sufraxio censatario, que foi o máis estendido no século XIX da man do primeiro liberalismo, é un sistema electoral que outorga o dereito a voto só á poboación con características moi precisas (como dispoñer de certos recursos económicos ou un determinado nivel de estudos) para estar incluída nun censo electoral e poder votar. A progresiva democratización levou a recoñecer o dereito ao voto de todos os cidadáns maiores de idade: primeiro aos varóns e, posteriormente, tamén ás mulleres. Fálase de «sufraxio universal masculino», mais, propiamente, só será sufraxio universal aquel que permite o dereito a voto de toda a poboación maior de idade dun Estado, sen ter en conta a raza, o sexo, as crenzas ou a condición social ou económica. Este modelo estableceuse en España durante a II República.
Unión Liberal
A Unión Liberal foi un partido político fundado en 1858 por O'Donnell durante a chamada «Década Moderada Unionista» do Reinado de Isabel II. Este partido reunía aos herdeiros do moderantismo «puritano» e algúns progresistas. Quixo ofrecer estabilidade e prosperidade ao país. Xunto a unha activa política exterior, levaron a cabo diversas medidas, tales como:
- Relanzar a desamortización.
- Impulsar obras públicas.
- Proseguir coa expansión do ferrocarril.
En 1863, os problemas internos na Unión Liberal propiciaron a súa desaparición. En certo modo, o seu herdeiro no período da Restauración foi o Partido Liberal Conservador de Cánovas.