Conceptos clave: Comisión Europea, movementos antiglobalización e máis

Xeografía4,15 KB

Comisión Europea

É unha das principais institucións da Unión Europea (UE), equivalente ao seu poder executivo, e que representa e defende os intereses desta no seu conxunto. Elabora o orzamento, propón nova lexislación, asegura o cumprimento dos tratados e dos acordos, a posta en práctica das políticas comunitarias e o uso dos fondos europeos. Está composto por 28 membros, un por cada Estado da UE, que se ocupan dun ámbito específico. O seu presidente é proposto polo Consello Europeo e elixido polo Parlamento Europeo para un mandato de cinco anos.

Movementos antiglobalización

É un amplo conxunto de movementos sociais formado por activistas provenientes de distintas correntes políticas, que a finais do século XX converxeron na crítica social ao proceso de globalización. Acusan ao actual proceso de globalización de beneficiar ás grandes multinacionais e aos países máis ricos, acentuando a precarización do traballo e consolidando un modelo de desenvolvemento inxusto e insustentábel. Tamén o acusa de socavar a capacidade democrática dos Estados, entre outros aspectos negativos.

Obxectivos de desenvolvemento sostible

Os obxectivos de desenvolvemento sostible (ODS), tamén coñecidos como Obxectivos Mundiais, son 17 propósitos de desenvolvemento humano fixados pola ONU en 2015. Estes 17 obxectivos baséanse nos logros dos Obxectivos de Desenvolvemento do Milenio (2000), aínda que inclúen novas esferas como o cambio climático, a desigualdade económica, a innovación, o consumo sostible e a paz e a xustiza, entre outras prioridades.

Xeopolítica

A xeopolítica é unha disciplina que estuda todo o relativo ao territorio e os seus recursos, así como as relacións que se dan entre estes e os poderes establecidos (Estados, poderes económicos, políticos, sociais ou relixiosos), e as relacións que se dan entre estes poderes e os territorios.

Parroquia

División administrativa menor ca un municipio integrada por varios núcleos de poboación, propia de Galicia e Asturias. É a categoría tradicionalmente recoñecida ás entidades colectivas de poboación. Como tales non teñen entidade xurídica ningunha. En Galicia existen 3781 parroquias, que comprenden desde unha aldea até quince ou máis. O Estatuto de Autonomía de Galicia prevé que, mediante unha lei, se poida recoñecer personalidade xurídica á parroquia rural.

Municipios

O municipio é a entidade territorial básica en España. A súa función é prestarlle servizos aos veciños/as, máis variados canto maior sexa a súa poboación. O goberno e a administración municipal correspóndelle ao concello, integrado polo alcalde/sa e os/as concelleiros/as. As/os concelleiras/os elíxense por sufraxio universal directo, e estes, á súa vez, elixen ao alcalde/sa.

Provincia

A provincia é unha entidade territorial local formada por unha agrupación de municipios. A súa función é fomentar os intereses provinciais, prestar servizos de ámbito provincial, coordinar os servizos dos municipios e cooperar con eles. O goberno e a administración provincial correspóndelle á deputación, integrada por un presidente/a e os/as deputados/as. Os/as deputados/as escóllense entre os/as concelleiros/as electos e estes, á súa vez, elixen ao presidente/a.

Comunidade Autónoma

A comunidade autónoma é unha entidade territorial formada por provincias limítrofes, territorios insulares ou provincias con entidade histórica rexional, dotadas de autonomía lexislativa e capacidade de autogoberno sobre os asuntos da súa competencia. En España hai 17 comunidades autónomas e dúas cidades autónomas.

Estatuto de Autonomía

O Estatuto de Autonomía é a norma legal básica pola que se rexen todas as comunidades autónomas. Neles establécese a súa denominación, delimitación territorial, identificación das institucións autonómicas existentes e a súa localización, así como as competencias que asumen. O Estatuto de Autonomía de Galicia foi promulgado o 6 de abril de 1981.

Descargar

PDF Word HTML