Conceptos básicos de xeografía física e medio ambiente
Aridez
É a falta de auga e humidade no solo ou no aire en contacto coa terra. Pode ser provocada pola situación constante dun anticiclón nunha determinada zona ou por atoparse nunha zona resgardada (montañas) da chegada de masas de aire cargadas de humidade.
Avaliación de impacto ambiental
Procedemento técnico-administrativo que serve para identificar, prever e interpretar os impactos ambientais que producirá un proxecto no seu contorno en caso de ser executado, co fin de que a administración competente poida aceptar, rexeitar ou modificar ese proxecto.
Cunca fluvial
Aquela rexión que verte augas sobre un mesmo cauce fluvial.
Esteiro
Extensión mariña próxima á desembocadura dun río, de amplas dimensións, onde se produce a interacción do mar e do río.
Estiaxe
Nivel máis baixo que as augas dun río teñen ao longo dun ano. Tamén é a época na que se produce ese nivel mínimo.
Foz
Corte profundo ou val transversal e estreito feito por un río, predominante en zonas de rocha caliza.
Landa
Formacións vexetais nas que destaca a familia das ericáceas (carqueixa) e das leguminosas (xesta e toxo) e que se localiza sobre solos húmidos e non traballados. Débese á tala de masas arbóreas.
Laurisilva
Paisaxe vexetal, tamén chamada de selva temperada ou bosque laurifolio. Trátase dun tipo de bosque nuboso subtropical ou selva alta, propio de lugares húmidos, cálidos, e con leves xeadas ou sen elas, con grandes árbores e lianas cuxas follas se parecen ás do loureiro, do que toma o nome. En España é propia das Illas Canarias.
Maquis
Matorreira baixa de arbustos e matas aromáticas propios do clima mediterráneo e que medra sobre solos silíceos. É froito da degradación por tala de antigos aciñais.
Marisma
Terreo lixeiramente deprimido con respecto ao nivel do mar que resulta asolagado pola subida da marea.
Paisaxe
Calquera área da superficie terrestre produto da interacción dos diferentes factores presentes nela (bióticos, abióticos e antrópicos) e que teñen un reflexo visual no espazo.
Ría
Val fluvial asolagado en parte ou na súa maior parte polas augas do mar.
Vexetación antrópica
Paisaxe ou zona na que a vexetación foi introducida ou modificada pola acción humana.
Vexetación clímax
Fase final da evolución dunha comunidade vexetal na que esta adquire un equilibrio co seu contorno medioambiental.