Ciclo da Materia e os Ciclos Bioxeoquímicos
Ciclo da Materia
A circulación da materia nos ecosistemas iníciase cando os produtores realizan a fotosíntese e incorporan ao seu organismo nutrientes do solo e do aire. Cando os produtores son comidos polos consumidores primarios, esta materia pasa ao corpo do herbívoro. Cando estes sexan devorados polos consumidores secundarios, a materia quedará incorporada ao corpo destes.
En cada piso os organismos que non son consumidos serán descompostos cando morren. Este proceso é levado a cabo polos descompoñedores, unha vez que a materia que circula pola pirámide de abaixo cara a arriba regrese ao solo e ao aire. A utilización da materia é cíclica. O percorrido que segue un elemento químico na natureza é o ciclo bioxeoquímico. Os seres vivos incorporan estes elementos químicos a través da alimentación.
Ciclo do Carbono
O carbono é un dos elementos máis abundantes nos compostos orgánicos.
- O carbono é captado da atmosfera polos organismos autótrofos en forma de CO2, e pasa a formar parte da materia orgánica mediante a fotosíntese.
- Os organismos autótrofos e os heterótrofos oxidan a materia orgánica para obter enerxía en procesos como a respiración e producen CO2 que se incorpora de novo á atmosfera.
- Os organismos descompoñedores degradan á súa vez a materia orgánica dos organismos que morren e orixinan CO2, que tamén se incorpora á atmosfera.
Ciclo do Nitróxeno
O nitróxeno é imprescindible como compoñente de proteínas e de ácidos nucleicos.
- As bacterias fixadoras do nitróxeno fixan o nitróxeno atmosférico en forma de nitratos que serán absorbidos polas plantas.
- As substancias que excretan os seres vivos tamén experimentan transformacións químicas que fan que o nitróxeno pase ao solo en forma de nitratos.
- O resto dos organismos que morren experimentan unhas transformacións químicas que posibilitan que o nitróxeno volva á atmosfera en forma de nitróxeno gas.
Ciclo do Fósforo
O fósforo é un compoñente dos ácidos nucleicos.
- A través das súas raíces, as plantas captan o fósforo e os outros sales minerais disoltos na auga. Este elemento pasa ao resto dos seres vivos.
- A descomposición dos organismos produce o retorno do fósforo ao solo ou aos sedimentos dos fondos oceánicos.