Ciclo da Auga, Erosión e Axentes Xeolóxicos: Modelado do Relevo

Bioloxía3,8 KB

Ciclo da Auga

O ciclo da auga necesita a enerxía solar para funcionar. A auga evápórase da superficie terrestre grazas á enerxía solar. A enerxía térmica acumulada nese proceso de evaporación emítese ao espazo ao producirse a condensación do vapor e formarse as nubes. As nubes producen a precipitación e a auga acumúlase nos glaciares, nos lagos, nos ríos e nas augas subterráneas, e discorre cara o mar formando cursos de auga. Ao producir precipitación de auga e neve nos relevos, o ciclo hidrolóxico mantén en funcionamento axentes xeolóxicos, dotándoos da enerxía necesaria para fluír a favor da gravidade e tamén para realizar a modelaxe do relevo.

Erosión, Transporte e Sedimentación

A erosión consiste na recollida dos detritos ou no arranque de fragmentos rochosos e a súa evacuación desde o seu lugar de orixe. Este proceso transforma os detritos acumulados por procesos gravitacionais en sedimentos.

O transporte implica o desprazamento dos sedimentos desde o lugar en que se produce a erosión ata o lugar onde se depositan. Durante o transporte prodúcense cambios no aspecto, tamaño e mineraloxía dos sedimentos.

A sedimentación ocorre cando o axente que transporta os sedimentos perde enerxía e deposita os materiais transportados. As zonas da superficie terrestre onde se produce a sedimentación denomínanse concas sedimentarias.

Axentes Xeolóxicos

O Vento

A súa acción realízase por toda a superficie terrestre. É un axente moi eficaz onde hai materiais finos soltos, ausencia ou escaseza de vexetación e ventos constantes, como ocorre nos desertos e nalgunhas praias.

Os Glaciares

A súa capacidade de erosión e transporte é moi grande. A súa acción está restrinxida ás zonas polares e de alta montaña.

Ríos

Son cursos de auga permanente. A súa capacidade de erosión e transporte está determinada polo seu caudal e pola súa pendente, o que á súa vez depende do clima e da súa proximidade a unha zona montañosa.

As Augas de Enxurradas

Son as que discorren pola superficie despois dunha forte chuvia. A súa capacidade erosiva é importante en zonas de chuvias escasas e torrenciais.

As Augas Subterráneas

A súa acción erosiva consiste na disolución das rochas solubles do subsolo, principalmente calcarias e xexos, e na formación de cavidades subterráneas.

O Mar

A súa acción realízase nas costas e a súa capacidade erosiva maniféstase especialmente nos acantilados. Tamén transporta os materiais achegados polos ríos na súa desembocadura.

A Creación e Destrución do Relevo

As forzas internas do planeta son as causantes de que se orixinen os relevos, xa sexa por medio do pregamento das rochas ou pola actividade volcánica. Unha vez que os relevos alcanzan certo desnivel sobre o terreo circundante, os axentes xeolóxicos dispoñen da suficiente enerxía para desmantelalos.

Mentres as forzas que levantaron o relevo seguen activas, as montañas poden continuar gañando altura a pesar da acción erosiva dos axentes xeolóxicos. Pero cando se debilita ou se esgota a enerxía que levantou ese relevo, entón os axentes xeolóxicos poden terminar o seu traballo e aquilo que foi un relevo acaba converténdose nunha penechaira. Mais a Terra é un planeta cunha enorme cantidade de enerxía no seu interior e as forzas que dan orixe ás montañas poden retomar o protagonismo facendo que unha penechaira se levante de novo. Os ríos encóntranse entón, unha vez máis, con enerxía dispoñible para reiniciar o seu traballo erosivo, encaixándose na penechaira para elaborar, co transcurso dos millóns de anos, outra penechaira a unha altura inferior.

Descargar

PDF Word HTML