Castelao: Vida, Obra e Legado na Cultura Galega
Traxectoria Vital e Artística de Castelao
Alfonso Daniel Rodríguez Castelao (Rianxo, 1886; Bos Aires, 1950), de neno foi emigrante na Arxentina. De xoven estudou a carreira de Medicina e foi médico, para despois converterse en artista plástico e novelista. Tamén foi deputado durante a Segunda República e un destacado galeguista. Tras a Guerra Civil, exiliouse na Arxentina, onde faleceu.
Castelao, ademais de autor literario, foi debuxante, e estas dúas condicións son inseparables na súa produción. Mesmo os seus álbums de debuxo, como Cousas da vida ou Atila en Galiza, acompañan e complementan obras narrativas como Cousas ou ensaísticas como Sempre en Galiza.
Características da Obra Narrativa de Castelao
A súa obra narrativa caracterízase polos seguintes trazos:
- Presenza do humor crítico.
- Utilización dunha técnica narrativa sinxela unida a un conxunto de claves facilmente asumibles por un lector popular e minimamente formado. Esta característica diferénciao doutros autores do Grupo Nós, como Otero Pedrayo ou Risco, que presentan nas súas obras estruturas narrativas máis complexas.
- Utiliza unha temática popular fácil de identificar polo lector; así, son frecuentes temas como a morte, o máis aló, o cacique...
- Na súa obra sempre se dá unha interrelación entre texto e debuxo, dado que el considera que son elementos integrantes dunha mesma mensaxe expresiva.
- Na súa obra sempre vemos unha incitación á participación do lector, o emprego de estruturas abertas, puntos suspensivos, frases populares, distribución do silencio...
Principais Obras de Castelao
Narrativa
A súa primeira obra narrativa data de 1922 e titúlase Un ollo de vidro. Memorias dun esquelete. Nesta obra, o tema fundamental é a historia dun morto que, grazas ao seu ollo de vidro, pode describir con ironía todas as cousas que acontecen no mundo. En 1926 aparece o primeiro volume e en 1929 o segundo de Cousas. Son pequenas historietas (microrelatos) que tratan diversos temas, sempre acompañados de debuxos.
En 1934 aparecen dúas obras: Retrincos, que son cinco relatos de carácter autobiográfico, e a novela Os dous de sempre, obra que conta a historia de dúas personalidades antitéticas e dúas vidas paralelas: Pedriño (materialista) e Rañolas (idealista).
Teatro
Escribiu unha única obra de teatro que apareceu publicada en Bos Aires en 1941: Os vellos non deben namorarse. Esta é a obra máis editada do teatro galego e presenta tres historias que recrean o tema popular dos amores dun vello cunha moza xove. Porén, Castelao supera este tema costumista, xa que fai un "teatro total" integrando na obra distintos elementos como o baile, a luz, máscaras e elementos simbólicos, como a figura da morte que lles aparece aos tres vellos.
Ensaio
A súa obra ensaística máis importante apareceu publicada en 1944: Sempre en Galiza. Esta obra constitúe o seu testamento ideolóxico. Outra obra destacada é Diario (1921), que narra unha viaxe artística que realizou por Francia, Bélxica e Alemaña. Tamén son relevantes os álbums de debuxo como Galiza Mártir, Milicianos e Atila en Galiza.