Cantigas de Santa María: Análise da Lírica Galego-Portuguesa Medieval
Cancioneiro Relixioso: Cantigas de Santa María
Por imitación da lírica profana amorosa, na segunda metade do século XIII, xurdiu a lírica relixiosa galego-portuguesa, representada polas Cantigas de Santa María. Trátase de 427 composicións, da autoría de Afonso X, xurdidas como consecuencia do afervoado culto á Virxe, que se produciu sobre todo a partir do século XI.
A intención creadora non era outra que a de agasallar ao Papa, co obxectivo de convencelo para que primase a Sé episcopal de Toledo sobre a de Santiago de Compostela. Pode parecer paradóxico que o rei sabio usase a lingua galega para conseguir un obxectivo desfavorábel para Galicia, mais debemos ter en conta que, na Idade Media, considerábase na maioría da Península Ibérica que o galego-portugués era a lingua máis idónea para a creación lírica.
As Cantigas de Santa María trasladan o amor cortés ao plano relixioso. Mais agora o poeta, no canto de lle xurar fidelidade a unha senhor, xuraralle fidelidade á Virxe; e se na cantiga de amor o poeta cantaba as calidades dunha muller ideal, nas Cantigas de Santa María cantarase á Virxe María.
Códices
Existen varios códices importantes que conservan estas obras:
- Códice Toledano: Hoxe está na Biblioteca Nacional de Madrid. Foi escrito despois de 1257 e contén 128 cantigas con notación musical a dúas columnas e letra francesa do século XIII.
- Códice da Biblioteca do Escorial (1): É o máis rico, con 417 cantigas ilustradas con 40 miniaturas e notación musical a dúas columnas e letra francesa do XIII.
- Códice da Biblioteca do Escorial (2): Contén 193 cantigas, notación musical e 1275 miniaturas a dúas columnas e letra francesa do século XIII.
- Códice de Florencia: Contén 104 cantigas, das cales dúas non aparecen nos outros códices e outras ofrecen variantes de certo interese. Está incompleto e presenta liñas de notación musical en branco con letra gótica do XIII, xeralmente a dúas columnas.
Fontes
As fontes son moi diversas e poden clasificarse nos seguintes grupos:
Fontes Literarias e Relixiosas
- Libros marianos latinos da Idade Media.
- Coleccións de lendas marianas escritas en linguas romances.
- Romances relacionados coa Virxe.
- Libros referentes a santuarios peninsulares e estranxeiros.
- Milagres familiares ou autobiográficos baseados en acontecementos da vida do propio monarca.
Autoría
Hai que supoñer que non todas son obra do propio monarca. Unha opinión fundamentada nunha nota do manuscrito toledano atribúe ao rei a autoría dunhas cen cantigas; as restantes foron compostas polos seus colaboradores, entre os que estaba o trobador compostelán Airas Nunes, pois aparece o seu nome na cantiga 223.
Posiblemente son obra do monarca as loas e aqueles milagres relacionados coa súa propia biografía1.
Motivacións
Este rei, educado en Galicia, non sentía grande simpatía polo noso país debido á pugna que mantivo coa mitra compostelana na pretensión de minguar a súa primacía en prol da diocese de Toledo. Mesmo hai na súa obra unha tentativa de desviar a relixiosidade hispánica en detrimento de Compostela, atribuíndo nas Cantigas de Santa María á Virxe moitos milagres de Santiago e argumentando en contra das peregrinaxes ao seu sartego.
Na súa corte, os vellos trobadores viron escarnecida a súa arte polo propio monarca, que gustaba máis dos modelos provenzais e que se erixira en protector dos trobadores occitanos fuxidos do sur de Francia como consecuencia da derrota dos albixenses.
Con todo, debemos considerar a Afonso X como unha das figuras da literatura galega medieval. Este paradoxo é explicable se temos en conta que Afonso X tivo que someterse ao seu tempo, que lle impuña unha lingua poética, o galego-portugués, avalada pola forza dunha tradición lírica e que se atopaba no cume do seu prestixio.
A motivación das Cantigas responde a dous tipos de estímulos:
1. Externos
a. O prestixio universal que buscaban os monarcas a través da elaboración de grandes obras e proxectos tanto guerreiros coma culturais
í!